Facer balance
Veñen aí tempos para festexar, tempos para atoparnos uns cos outros e tratar de sacar o mellor de cada quen. Veñen días nos que a palabra máxica vai ser reencontrarse ou estar cos que realmente queremos.
Cando chega o Nadal, chega tamén o balance. Parece coma si tiveramos a obriga necesaria e precisa de volver a vista atrás e facer memoria do que temos pasado.
Desde este humilde medio de comunicación, como é Somos Calvario tamén vai sendo hora de facer balance, pero queremos deixalo para o último número do ano. Aínda que podemos avanzar que temos claro, moi claro, que este foi mellor que o anterior. Polo menos no 2021 puidemos saír, puidemos convivir mellor e estivemos máis cerca uns dos outros.
Tamén é momento dos bos propósitos e de renovar vontades positivas. Polo que a nós nos compete que é o noso barrio, tamén é tempo de pensarmos entre todos que podemos facer para mellorar a nosa contorna e o noso xeito de convivir.
Todos e todas e cada un e cada unha temos un mínimo de responsabilidade no futuro e no horizonte do noso barrio. Todos e todas temos que aplicarnos no afán de facer un barrio mellor e de facer que día a día nos poi- damos sentir orgullosos e orgullosas do que temos entre mans.
Desde o apio a todo o que somos, desde o coidado das nosas rúas as nosas prazas; desde o impulso á participación veciñal, como carreira de fondo que nos ha levar ás metas que nos propoñamos. Desde a crítica cons- trutiva para mellorar o que estea mal, e sobre todo desde o cariño que lle temos a nosa xente, ao noso xeito de vida e tamén ás nosas pequenas diferencias que nos han de facer mellores. Mellores veciños e veciñas e mellores homes e mulleres.
Non temos nada mellor que o lugar onde vivimos, que o espazo onde nos atopamos día a día coa xente que nos coñece e que sabe o noso nome. Non temos nada mellor que as facianas coas que nos encontramos no ascensor, no mercado ou na nosa tenda de sempre.
O Calvario é un tesouro que entre todos e todas temos que gardar. Temos que coidar e temos que espallar como mostra de que imos medrando día a día e ano tras ano.
Fagamos balance, si, desde o corazón e desde a máis sincera reflexión. Fagamos balance de todo o que somos, de todo o que fomos e do que queremos ser. Fagamos memoria dos momentos vividos e dos momentos para esquecer, pero sobre todo fagamos un conxuro novo, un berro unánime para que nunca, nunca dei- xemos de loitar, polo que somos, polo que fomos e polo que aínda nos queda por alcanzar.
Nós tamén o temos que facer. Temos que mirarnos cara dentro e pensar se en verdade estamos a ser o reflexo deste barrio. Faremos tamén balance para que Somos Calvario siga servindo sempre ao interese dos co- lectivos veciñais e aos inte- reses dos veciños e veciñas en xeral.
Despois de máis dun ano na rúa con todos e todas vós, podemos dicir que estamos satisfeitos. Contentos por poder dar voz aos que normalmente non saen nos medios. Contentos por lembrar as nosas realidades e o que vai acontecendo no noso barrio. Contentos por defender o que somos; ao noso comercio, as nosas entidades e aos nosos tesouros.
Pero o balance máis importante é o voso, os que nos ledes, vós, que sodes a razón de sermos, sodes os que nos tedes que dicir se en verdade respondemos ao que lle pedides a un humilde xornal de barrio.
Pola nosa banda estaremos aí, para intentar seguir informando do que pasa no Calvario e para seguir insistindo no que necesitamos e nos que merecemos.