A placa que non aparece

 

Días atrás o diario local Atlántico Diario facíase eco dunha homenaxe que nos anos 80, e sendo alcalde Manuel Soto, inauguraba unha placa do que ía ser unha praza ou rúa dedicada a Alfonso Álvarez Bláquez, un home que realizara numerosas accións para os veciños e veciñas de Teis.
Na mesma noticia o citado diario se facía eco da desaparición desa placa colocada nunha esquina da rúa Buenos Aires (Buenos Aires interior), sen que ao día de hoxe ninguén saiba dar res- posta de onde se atopa a devandita placa.
Unha das persoas que opinaba nesa noticia era Carlos Puch, veciño do ba-rrio e que lembraba que Alfonso fixera moitas cousas por moitas persoas do ba-rrio.
Pois ben, Aquí Teis por medio do noso colaborador Avelino Quirós púxose en contacto con Carlos Puch, un dos precursores da colocación para que nos contara o acontecido:
“Eu fun ao Concello, ao re- xistro, e a outros sitios para que me dixeran que pasou coa placa, porque a quitaron de alí ou se algún veciño a quitou ou se a roubaron que a poñan noutro lado. Aquel home era unha boa persoa e merece unha placa ou un monumento, porque se portou moi ben con moita xente. Levaron daquela a moita xente ao cárcere e había familias que non tiñan medios para subsistir.
El tiña, por exemplo, un salón de peiteado, e cando ían os mariñeiros que andaban pescando, lles cortaba o pelo a cambio de peixe. Ese peixe el regaláballo á xente e as familias que o precisaban. Este home, coas cousas que sabía merecía ata un monumento, eu sabía todo o que el facía porque eu era o seu veciño de enfronte”.
Moitas grazas a Carlos Puch por lembrarnos un pouco da historia deste ilustre personaxe e agardamos, desde Aquí Teis, que se poida saber onde se atopa esta placa e que proximamente se poida restablecer a homenaxe a esta persoa que tanto fixo por moitas persoas de Teis.