Nós mesmos
- O comerciante enmascarado
Hoxe quero falar de min, e do que supón ser de aquí, do Calvario. Hoxe vou a facer un pouco de bombo para referirme ao noso centro comercial. Si, porque no Calvario temos un gran centro comercial que somos todos e todas as que cos nosos comercios constituímos esta gran familia.
O Calvario sempre foi un dos barrios máis obreiros da nosa cidade, e caracterizado polas súas loitas por conseguiren os dereitos que lles correspondían. A expansión do Calvario debeuse sobre todo a aparición do tranvía que era o medio de transporte que utilizaban os traballadores para acudiren aos seus traballos, maioritariamente aos estaleiros en Beiramar.
Hoxe orgullosamente podemos dicir que a nosa zona peonil abarca o maior número de establecementos de todas as zonas da nosa cidade. Unha zona que segundo dos datos da Cámara de Comercio conta máis de medio millar de comercios. Unha zona comercial que abarca desde Fernando El Católico ata a avenida de Ramón Nieto, incluíndo todas as areas de influencia.
Outro dos nosos máximos tesouros é sen dúbida o noso mercado. Un mercado tradicional ao que hoxe mesmo, veñen veciños e veciñas doutras zonas da cidade debido á súa calidade.
Un mercado cun peixe exquisito cunhas carnes de altísima calidade e cunha oferta de froitas e hortalizas do máis variada e de contrastada excelencia.
Un mercado que sempre foi referente do Calvario e que se convertía antigamente nun lugar de encontro e de convivencia social, entre os veciños e veciñas daqueles tempos.
E como non destacar ás nosas xentes. Xentes, como xa dixen, traballadoras, e cun recoñecido prestixio de sacrificio, enteireza e de compromiso de barrio, e compromiso social.
Non adoitamos moito a falar de nós mesmos, pero non deixa de ser unha boa terapia para reflexionar e lembrarnos do moito que como sociedade conseguimos, e do pouco que fai falta para que nolo arrebaten. Así que amigos e amigas do noso comercio, a seguir traballando, a seguir xuntos para seguir sendo esa zona comercial aberta que xa é hoxe envexa de moitas outras.