O Día das Letras Galegas dedicado este ano a Francisco Fernández del Riego

A Real Academia Galega (RAG) ten decidido este ano conmemorar á figura de Fernández del Riego co gallo do Día das Letras Galegas

 

 

 

 

A partires destes días por todo o país se sucederán os actos de homenaxe a este escritor, ensaísta, intelectual, político… e proteico onde os haxa.
No mundo da cultura, no mundo do ensino, da política e claro no mundo académico apareceran estes días actos e actos para lembrar a figura deste insigne personaxe que tanto ten contribuído á nosa culta en xeral e a nosa lingua en particular.
Quixemos nestas liñas do noso xornal facer unha pequena recensión desta figura ilustre das nosas letras.
Nado en Lorenzana, Lugo no ano 1913 foi un dos máximos seguidores das ideas do grupo Nos. Foi xunto con Ramón Piñeiro e Xaime Illa Couto un dos principais impulsores da Editorial Galaxia (fundada no 1950), editorial que ía a ter unha vital importancia no proceso de recuperación da nosa cultura na posgue- rra. En 1963 xurde desta editorial a revista Grial na que Fernández Del Riego colaboraba asiduamente.
A súa obra e a súa extensa actividade cultural fan del sen dúbida unha das figuras máis relevantes da cultura galega no século XX e principios do século XXI. Podemos citar unha pequena mostra das súas obras: “Historia da literatura galega” (1951), “Galicia no espello” (1954), “Dicionario de escritores en lingua galega” (1990), “A xeración Galaxia” (1996)…
En canto á narrativa “O cego de Pumardedón” (1992) e libros de viaxes como “As peregrinacións xacobeas” (1984). Autor tamén dunhas memorias, “O río do tempo” (1991). No ano 2003 recompilou toda a súa correspondencia co seu amigo Álvaro Cunqueiro e escribiu “Cartas ao meu amigo”. Estas son só algunhas das súas obras, porque é tan extensa a súa produción que non teriamos espazo dabondo nestas páxinas.
Foi membro da Real Aca- demia Galega, institución que presidiu desde 1997 ata o 2001. Esta institución decidiu no mes de xullo de 2022 no seu plenario dedicarlle o Día das Letras Galegas no ano 2023.
A figura de Fernández del Riego sempre estivo vinculada á nosa cidade; na que viviu e na que ten desenvolvido múltiples facetas culturais, e cidade na que faleceu no ano 2010.
No 2011 ábrese en pico a Pinacoteca municipal á que se asigna o nome de Francisco Fernández del Riego. Ademais no 1988 recibe a medalla de ouro da cidade.
Fernández del Riego foi tamén un grande mecenas da cultura viguesa; foi o primeiro director da fundación Penzol.
Co gallo do centenario do seu nacemento o Concello de Vigo patrocinou a publicación promovida pola fundación Penzol e editada en Galaxia do libro “Francisco Fernández del Riego, Vigo dende o corazón de Galicia”, que recollía numerosas colaboracións de persoas que tiveron que ver coa súa vida, e que aborda nume- rosas facetas da súa vida e incluso textos do propio Fernández del Riego.
Este último mes acaba de saír do prelo unha obra moi atractiva para todas as idades sobre a súa vida en Cómic, editado por Galaxia e cos autores Antón Mascato e Pepe Carreiro titulado
“O home que valía por mil”. Unha obra que non debemos deixar de ler para que dun xeito sinxelo e á vez con certo ton humorístico podamos achegarnos a grande personalidade deste gran home e a gran figura da nosa historia.