O SALÓN DE XOGOS

O SALÓN DE XOGOS

Vendo os locais comerciais do entorno do Paseo do Calvario, na súa gran
maioría ocupados por moi diferentes actividades de negocio, hoxe quérome
deter nuns que eran puntos de encontro entre os mozos e mozas que
desfrutabamos do noso barrio do Calvario. Estaban as cafeterías como O
Club Hapy, na transversal Jesús Fernández, a cafetería Yakimor, no final do
paseo, que aínda está, a cafetería Capri, nas galerías e que hoxe é o comercio de roupa,
Cleofas, a cafetería Candilejas, na entrada da rúa do Cristo, a cafetería Tívoli na entrada da rúa
Aragón, hoxe cafetería Bema, e ó seu carón existía un punto de encontro moi especial para
min, era o Salón de Xogos do Madriles, unha grande sala que albergaba mesas de futbolíns a
ámbolos lados da entrada, unha mesa de pinpon polo medio e ó fondo as cinco mesas de billar
francés. Un lugar que co paso do tempo pasaría á rúa Portela, pasando a chamarse Flipper,
pero xa con máquinas de entretemento diferentes.
Alí, naquel salón de xogos
pasabamos moito tempo, cada grupo de
amigos, as amigas non estaba ben visto que
estiveran alí, xogabamos naqueles futbolíns
que tanta habilidade precisaban para tirarlle
o máximo rendemento á cada partida e que
nos custaba unha peseta cada xogada.
Chegabamos a realizar apostas por quen
gañaba, así que a parella que perdía tiña que
pagar a partida e deixar o sitio, chegando
incluso algúns a aumentar ese reto e os
perdedores tiñan que darlle ós gañadores de
tres partidas, cinco pesetas, previo acordo no inicio do xogo con aquela frase de “a duro por
fóra”. Para reducir este custo de uso do futbolín, podiamos logralo con algúns trucos non moi
elaborados pero si enxeñosos, como por exemplo coa colocación duns panos en cada portería,
para impedir que as bolas entraran no interior, sacándoas polo lugar por onde entraran. Truco
este complicado de realizar pola presenza do encargado da sala. Tamén podiamos intentar
facer que o tirador que abría a rampla das bolas se accionara metendo unha lámina aceirada
que levantara o seguro do tirador, fórmula esta par elementos moi especializados. E logo
estaba a que máis garantía tiña de que non te colleran, pero non exenta de risco na súa
elaboración, que era a de usar os dou reais, moeda que valía media peseta, pero esta tiña un
tamaño algo inferior e un borde algo máis ancho. E ¿como se podía facer para que unha
moeda algo menor e co borde máis ancho que a peseta fora igual?, pois a solución estaba no
Tranvía, si, tratábase de colocar na vía a moeda e esperar que o vehículo eléctrico pasara por
riba, a gravidade faría o demais e xa estaban os dous reais convertidos nunha peseta así que só
quedaba recollela. Dicía antes que a realización desta operación non estaba exenta de risco, e
non polo feito de invadir a rúa, senón por que se o tranviario, (condutor do tranvía)
decatábase da presenza da moeda na vía, este paraba a máquina, baixaba, recollía a moeda
metíaa no seu peto e seguía, quedando os interesados sen os cartos e con cara de pasmo.
Dos xogos que tiña aquel salón, a min o que máis me atraía, era o billar de tres bolas
(ou billar francés de carambolas). Aínda que as veces podía xogar algunha partida contra outro
compañeiro, nalgunha das mesas pequenas, o grande reto estaba en poder un día xogar
naquelas mesas grandes de pano verde, con aquelas bolas, branca cun punto negro, branca e

vermella, e con aqueles tacos perfectamente rectos, coa súa punta protexida coa súa
correspondente zapata ben untada co xiz, que como bo xogador non precisaría mirar mentres
llo aplicaba. Poder xogar con aqueles fenomenais xogadores que realizaban carambolas a tres
catro e cinco bandas, cando non realizaban a exhibición de xogar partidas pondo no medio da
mesa unha caixa de mixtos de pé, sumando carambolas sen a derrubar a caixa.
Completábanse os locais de ocio coa presenza permanente dos coches de choque,
(Atraciones Camarero) instalados nos terreos polos que hoxe discorre a rúa Genaro de la
Fuente, fronte ás Bodegas Bandeiras. Un lugar con moito atractivo polo ambiente que xeraba.
Alí, envoltos no son daquela música a todo meter, conducir aquelas máquinas tratando de
evitar o choque, ou procurándoo para ter protagonismo, tiña o seu enganche. A cousa collía
maior importancia cando lograbas ir acompañado dalgunha moza que aquí si podían compartir
lugar e non como no salón de xogos. Claro que os primeiros sitios estaban reservados para os
membros da “pandilla os Money-Money”, que dominaba o lugar.
Se cadra estes puntos de ocio non estaban no lugar máis recomendado, tendo en
conta os centros de ensino como O Pombal, ou o Instituto Castelao, que estaba recen feito,
pero iso xa sería tema para outro debate.