A TENDA DE PAQUITA

A TENDA DE PAQUITA

Facendo a miña habitual andaina, deume por pensar que ten de especial este punto de
encontro e que significa o Paseo do Calvario, chegando a conclusión de que son varios factores
os que o determinan. Primeiro o lugar, o Calvario, no que unhas persoas emprendedoras
nacidas no barrio e doutros moitos puntos do país tomaron a decisión, hai moitos anos, de
concentrar un comercio de proximidade e que cubrira as necesidades que os veciños da zona e
os arredores demandaban, tendo como punto central o Mercado. Era un lugar de tránsito,
tanto que chegou a precisar dun garda municipal diante do mercado para regular o paso dos
peóns. Os que xa imos tendo unha pouca “xuventude acumulada” podemos dar fe de como se
desenvolvía aquel fervedoiro de coches e xente, cunhas beirarrúas moi estreitas para dar
cabida ó tráfico de dobre sentido, claro que este factor viuse moi mellorado coa remodelación
da zona, alá polo ano 2002, pasando de ser unha rúa de tráfico intenso, a ser un Paseo. Algún
día comentarei como se acometeu tan importante obra, e quen foron os responsables da súa
realización, que non está demais recordalo. O segundo factor é o comercio, a súa
diversificación para lograr unha boa oferta cunha gran variación de negocio, chegando a cubrir
todas as necesidades. E en terceiro lugar, e non por iso menos importante está, entendo eu, o
trato entre vendedor e cliente, ese punto de comprensión por parte dos que atenden os
negocios facendo que o cliente sexa algo máis que unha persoa que intercambia cartos por
servizo ou obxectos, cun trato
personalizado, chegando a coñecer o
cliente o nome do vendedor, e en
moitos casos este diríxese ó cliente
polo seu nome, aconsellando,
orientando, aportando solucións a
ese posible comprador, logrando que
se sinta cómodo e confíe na persoa
que o está atender. Este apartado
que parece tan elemental, non é
doado de atopar, e penso que está
vinculado ó entorno social que se
crea no usuario de Calvario.
Así imos falar duns exemplos como o comercio de roupa de traballo que se chamaba,
La Mota, na esquina do paseo coa rúa Estremadura, agora ocupado por un negocio de comida
rápida de Coren, logo un pouco máis adiante estaba un comercio de roupa de vestir, con moita
sona, chamábase La Ganga, facendo esquina entre o Paseo e a rúa Cataluña. Era deses
comercios onde un home podía mercar todas as prendas e complementos necesarios para ir
ben vestido. Destacaban unhas prendas en particular, que eran as camisas da Ganga. Sempre
cunha atención especial, o meu informador cóntame que a el lle gustada que o atendera
Carlos, coñecido como Carlitos o da Ganga, esta era unha mostra máis da proximidade entre
cliente e vendedor.

Lugar da Tenda de Paquita e ao fondo a antiga La Ganga

Neste pequeno percorrido por algúns dos vellos comercios do noso Calvario, quero
destacar un en especial de venda de produtos alimenticios, que se lles digo que se chama
El Paraíso, pode que a moitos non lles soe, pero se lles digo que é “a de Paquita”, a cousa
cambia. Este é un negocio situado no número 160 da rúa Urzaiz, que foi aberto hai máis de
noventa anos, aló polo 1925 por un dos Vázquez vidos de San Estevo de Rivas de Sil, co nome
de “La Sultana”, pasando, trinta anos despois, ao seu irmán Jesús, quen xunto con Paquita
estiveron ó fronte do negocio máis de cincuenta anos, e continuando o seu fillo José Luís e a
súa dona Teresa.
Unha tenda que ofertaba as mellores pezas de bacallau, os friames dunha calidade
exquisita, bos xamóns, ou a manteiga de vaca para os roscóns, sen esquecer todo o necesario
do porco para facer un bo cocido, como cachucha, costela, touciño, chourizo de carne e
ceboleiro. Ofertou tamén uns froitos secos de calidade como as pasas en acio, ou os figos
secos de Estremadura.
Un lugar que ó entrar era como trasladarse no tempo, moi pequeno, con aqueles
xamóns e follas de bacallau colgando, e que compartía espazo co acceso ás escaleiras que
soben ó piso, no que non cabían máis de 5 persoas e unha cadeira, pensada para as clientas
maiores que o precisaran. Alí ninguén tiña presa e se a tiñas desaparecía escoitando aquela
muller, Paquita, que coñecía a todas as clientas, interesándose por cada unha delas ou dos
seus familiares, “hola, nena, que tal mamá, esta semana no vino. Se encuentra bien? . O
ambiente mudaba cando entre a clientela aparecía un home, entón a cousa xa non era igual,
aquela presenza coartaba a liberdade de expresión daquelas mulleres, aparecendo de
inmediato a solución, “a ver, Paquita, despacha a este home, que debe ter presa…”, e facíase o
silencio durante o tempo que tardara en ser atendido para logo seguir co tema que fora.
Estes son só uns pequenos exemplos que ratifican os factores que mencionaba ó
principio, localización, xente emprendedora e trato cercano que fan deste noso Barrio do
Calvario, un lugar moi especial.