A. Bandeira e as súas Adegas, todo un referente histórico de O Calvario
-
Por Juan Miguel González Fernández (Historiador do Instituto de Estudios Vigueses)
Aínda que O Calvario naceu e creceu como un barrio eminentemente residencial, non por ilo deixaron de instalarse antano un feixe de industrias de peso, entre as cales se atopaban as moi coñecidas “Bodegas Bandeira”, hoxe ben reconstruidas para uso de centro comercial. Éstas ían totalmente asociadas á figura do seu fundador Antonio Bandeira Pires, de antepasados portugueses, e un persoaxe de múltiples facetas. Non está de máis que lembremos tanto a importante empresa como a tan senlleiro propietario, que se mantiveron en actividade ao longo de medio século. Velaquí unha parte da súa dilatada e prolixa historia.
O iniciador do negocio será o seu pai, o portugués Antonio Bandeira Proença, nado en O Porto en 1866, que se establecerá en Vigo en 1892 (G. GONZÁLEZ MARTÍN, “Diccionario”, 2016, t. I). Este parece que tiña unha adega en Vilanova de Gaia, fronte á cidade departamental lusa. Abrirá negocio de despacho de viños no edificio Bárcena (cabo Velázquez Moreno con Policarpo Sanz), aproveitando o pulo da demanda do persoal do Cable Inglés (Great Easterno Telegraph Company). Home viaxeiro, chegará a abrir mercado mesmo en París.
Antonio Bandeira Pires, consta nos sempre imperfectos padróns de habitantes olívicos como natural de Vigo e nos de Lavadores, como de Amarante (Portugal), terra de bos caldos vitivinícolas, coincidindo en que naceu o 22 de agosto do ano 1900, deixando este mundo o 2 de febreiro de 1974. Casou en xaneiro de 1926 con Genoveva Vázquez Suliabre (fenecida en 1970), de Mondariz, filla de Juan Vázquez Carrera e Emeliana Subiabre Peña, que moi posiblemente fixeron fortuna en La Unión (Chile). O matrimonio tivo descendencia en Antonio, Genoveva, Palmira, María Lourdes e Fernando, éste sacerdote xesuíta. Nos primeiros tempos moraban na rúa do Triunfo. Súas dúas irmáns tiveron certa presenza entre a elite da sociedade local da época.
En 1927 trasládase ou se independiza abrindo unhas adegas na rúa que por entón denominábase García Barbón; levantará o moi coñecido edificio das suas adegas en 1942, pasando a unha potencia fiscal de 17,50 C. V. en 1955. Na primeira data tiña como representante en Compostela a Daniel Lozano, quen tamén levaba a marca “Vino Tostado Gallego Terriña”, publicitándose nos xornais “El Eco de Santiago” e “El Noroeste”. En 1930 consta no padrón industrial cunha cota de 1.901 pts, a máxima, que só correspondía a outros cinco industriais de Lavadores, o que dá idea da relevancia da súa empresa xa naqueles tempos iniciais. Adicábase á importanción, almacenaxe e venda de viños doces lusos, baixo a etiqueta de “Vinho do Porto Bandeira”, e asemade tiña a patente do Vermut “Cinzano”. A empresa coñecerá a súa época dourada na década de 1960, pechándose a finais dos 80, acadando recoñecida sona. Estivo ata 1960 como encargado José Santamarina Roo, pai do xogador do “Gran Peña” Juanito.
En realidade trátabase dunha sociedade da que un terzo pertencia a Antonio Bandeira, e outro tanto ás súas irmás Palmira e María. Nun momento dado deixou o negocio aos seus fillos, e instalouse en Madrid, para non interferir nas decisións empresariais. Na esquela consta como “Administrador General de la sociedad Antonio Bandeira S. A.”
A finca, na banda de Riomao, tiña cando foi subastada en 1999, unha extensión de 2.640m2, mermada pola construcción e ampliación da rúa Aragón. O edificio das adegas, en completa ruina, ocupaba 1.400 m2, saíndo todo a poxa por un valor taxado de 133.300.000 pts. Adquirido por uns promotores inmobiliarios en 2001, o grupo catalán “Odeón” encargarase de realizar as obras para reconvertilo nun centro comercial que leva o nome do fundador. Os traballos duraron 17 meses, investíndose uns 27.000.000, para ser inaugurado en 2015. Como dende o 1990 fora declarado Ben a Conservar, mantivéronse os muros de pedra e as numerosas fiestras, reconstruíndose fielmente o orixinal, mais engadíndolle un corpo superior máis, coa sensibilidade de non facer un “pastiche”, senón delimitando ben as partes. Na noutrora fachada principal (rúa Extemadura) en grandes letras de metal líase “Bodegas Bandeira” (agora Vinhos), e remata nun frontón cun pequeño escudo a imitación dos modelos barrocos no que campean as armas heráldicas que representan os apelidos do fundador, un elemento decorativo pero un anceio de prestixio.
Foi A. Bandeira Pires un grande afeccionado aos deportes, salientando como celtista de pro, chegando a ser presidente do clube celeste. Nas súas adegas ofreceu uns viños e unha botella de Oporto, en 1936 aos xogadores e directivos do Sporting de Gijón que viñan a celebrar cunha selección galega, un partido en homenaxe a Alvarito promovido polo “Centro de Hijos de Vigo”; en 1950 ao Torino (Turín, Italia) que se enfrontaba ao Celta, con presenza do cónsul… En 1962, a Delegación Nacional de Educación Física e Deportes, de Madrid, nomeabao vicepresidente da “Asociación Gallega de Tenis”, á que estaba ligado por vía familiar.
Politicamente, será un acérrimo da dictadura franquista. Xa en octubro de 1936, recén comezada a Guerra (In) Civil, a solicitude de doazóns de ouro polo bando “nacional”, él e Palmira aportaron un cheque en papel de 50 libras. En 1937 atopámolo exercendo de “Caballero Guardia Cívico”, unha organización paramilitar formada pola élite social (o conseveiro Alonso Lamberty, concelleiro en Lavadores); estaba adscrito ao cuartel da rúa Queipo de Llano (Vigo), tocándolle facer gardas no local e moitas veces no cárcere de O Frontón, de triste lembranza. Aínda en 1957 aportaba unha caixa de botellas de moscatel para os soldados que combatían no Ifni (Marrocos). Elexido concelleiro do Axuntamento de Vigo en 1951 en representación do Terzo de Entidades Profesionais e Culturais, recunciará cando menos ata 1956, baixo o mandato de T. Pérez-Lorente; formou parte das comisións do servizo de augas e parque de Castrelos.
Cursará estudios no colexio María Auxiliadora, obtendo en 1913 unhas cualificacións aceptables. En 1931 formaba parte do “Rotary Club”, unha sociedade filantrópica leiga de filiación británica, sendo elixido en 1934 presidente da dita organización. Nos anos 60, xunto cun selecto grupo de prohomes vigueses, crearán na cidade os primeiros colexios do Grupo de Fomento de Centros de Enseñanza” (Las Acacias e Montecastelo), promovidas dende o Opus Dei. Estivo moi vencellado ao Centro de Vigo de “La Alianza Francesa”, sendo elexido pola asemblea vicepresidente da entidade dende 1953, renovándose no cargo en toda a seguinte década, no equipo directivo encabezado por Antonio Solla Casalderey.
Como bo cristián e podente participará, case sempre, con aportacións de 1.000 pts. ou xéneros, nas cuestacións polas festas do Nadal que realizaban sociedades asistenciais (Auxilio Social, Casa da Caridade), de xeito que en 1963 contribuía para a adquisición dun tren de lavado con destino as “Hermanitas de Ancianos Desamparados” de Santa Marta.
Como colofón, engadir que en 1939 o portugués Manuel de Sousa López presentaba á corporación municipal de Lavadores, a solicitude, na que facía referencia aos méritos empresariais, para que desen o seu nome a unha rúa. O Concello otorgoulle o vieiro que él mesmo urbanizara -por interese propio- que ía entre as rúas do Triunfo e Calvo Sotelo, sen dubidalo.