A normalidade e a responsabilidade
Estamos sen dúbida no final deste pesadelo chamado pandemia. Non sabemos se ao peche deste número haberá novas medidas ou se por fin se acabarían todas e cada unha das restricións que trouxo consigo a chamada emerxencia sanitaria. Chegados estes momentos, debemos ser quen de botar unha pequena pero intensa mirada atrás. Moito temos sufrido, moito temos chorado e a moito temos renunciado para poder chegar a onde agora estamos.
Non é plan agora que tiremos todo pola borda e que comecemos a actuar como se nada houbera pasado ou como se a ameaza do virus deixara de existir de por sempre. Toca desfrutar do que hai moi pouco non tiñamos, toca volver ás barras do bar, as terrazas cheas de xente, toca por que non? Desfrutar do ocio nocturno e toca volver a abrazar e a bicar ás persoas que queremos e que temos moi cerca de nós. Podemos e debemos volver a ser verdadeiramente felices, sen medos e sen atrancos para mostrarnos tal e como somos, pero sen esquecer que moito do que nos ten acontecido e moito do que nos obrigou a estar pechados nas casas, ten que ver coa falta de responsabilidade colectiva e coa falta de previsión das nosas autoridades.
Aprendemos de todo isto? Estamos preparados para que unha nova crecida dos casos nos obrigue a tomar medidas máis serias? A batalla da política non pode ser nunca, se nuns sitios máscaras e noutros non. Non pode ser se unhas comunidades si ou noutras non. Parece que non, que non aprendemos que destas emerxencias saímos todos xuntos ou non saímos. Parece que aínda non temos claro que a estas emerxencias se lles vence coa unidade e con criterios meramente sanitarios ou clínicos. Reforzar o noso sistema de saúde, reforzar a atención aos nosos maiores, elaborar protocolos claros de actuación diante destes casos, deberían ser as prioridades de actuación, unha vez que parece que todo isto vai pasar. Pola contra, moito nos tememos que todo siga igual.
Que sigamos asistindo as liortas infantís sobre quen o fai e mellor, ou sobre quen tivo razón cando se tomaron as medidas que se tomaron. D esde estas páxinas, desde as nosas humildes, pero sentidas opinións, queremos apelar á responsabilidade, queremos manifestar a nosa ledicia por volver a encontrarnos, pero a nosa preocupación por dotármonos dos instrumentos precisos para estarmos máis preparados. Responsabilidade para facer o que debemos, aínda que non nolo manden. Responsabilidade para seguir mantendo certa normas que son ben sabidas eficaces e que prevén dificultades maiores. Se ata aquí chegamos e ata aquí conseguimos superar este pesadelo, teremos que demostrar que somos seres intelixentes e que somos quen de editar por nós mesmos a suficientes garantías para que a recente chegada normalidade perdure e se faga permanente entre nós. Miles e miles de comentarios e miles e miles de queixas e de críticas teñen desfilado pola noticias e polos faladoiros de todos os recunchos.
00Esiximos sempre responsabilidades a quen non teñen que guiar, esiximos sempre facturas aos que non teñen dignificado os seus postos, e facemos ben. Porque é o noso deber como cidadáns e cidadás reclamar o que xusto e se nos debe. E temos que seguir facéndoo. Pero agora toca que nós mesmo tamén nos esixamos. Toca que todos e todas sexamos quen de demostrar que a sociedade civil é tan capaz de organizarse e de ser coherente como a propia sociedade política, xudicial ou executiva. Vivamos a normalidade, e sigamos sendo responsables. Para que todos e todas podamos esquecer os anos que acabamos de vivir. Responsabilidade, que ademais debémoslla a quen xa non está con nós e aos que esta pandemia fixo sufrir e moito.