A seguir adiante
Cada vez que me propoño escribir estas liñas sobre o comercio ou sobre aqueles temas que nos importan, teño serias dúbidas sobre o que falar. Unhas veces penso se será mellor describir as virtudes dos nosos comerciantes, pero me asalta a incerteza de pensar se poderiamos caer na compracencia.
Outras veces penso se relatar todas aquelas dificultades, que non son poucas polas que pasamos e polas que atravesamos un percorrido cada vez máis difícil de salvar, pero tamén me asalta a incerteza de pensar se estarei afastando a aqueles que aínda cren no que nós facemos.
Hoxe decidín falar coa cara descuberta e sen miramentos. Hoxe decidín e quero apostar por dicir o que penso. Quero que estas humildes palabras, inmersas nesta humilde sección dun humilde xornal, sirvan para deixar por escrito a miña historia, a miña realidade. Quero render homenaxe aos meus pais que levaron moitos anos soportando o sacrificio e as dificultades que supoñía levantar un pequeno negocio. Quero render unha merecida homenaxe a tantos e tantas que día a día se deitaban coa incerteza de saber se mañá poderían pagar os seus recibos ou se ao fin de mes poderían facer fronte ao salario dos seus empregados.
Hoxe decidín por mostrar desde este xornal a experiencia de sufrir, pero tamén de desfrutar de poder servir aos meus clientes, e sobre todo a satisfacción de comprobar que ao longo dos anos o que queda é a fidelidade de moitos e a coherencia de saber que facemos o que debemos.
Cada mañá, cando abría as portas tiña a esperanza de ter un bo día. Ter un bo día significaba que ían entrar na miña tenda moitos e moitas clientes, que ía poder acabar a xornada cunha caixa superior a onte e que iso me ía permitir poder cadrar mellor as contas que ían bastante mal. Acaba o día e o mesmo. A caixa non subía e como unha grande montaña o fin de mes aparecía ameazante.
Días e noites sen durmir, facendo contas e máis contas para ver se cadraba e para ver se sería quen de cumprir cos pagos que se me viñan enriba.
Existían os “oasis”, días que sen esperalo aparecían máis ventas das esperadas, e os cartos tamén eran máis. Alegría, risos e sobre todo a esperanza de seguir adiante e de seguir crendo que o que facía e o que ofrecía era o mellor que eu podía e sabía.
Levo xa quince anos abrindo as miñas portas e cerrándoas todos os días, agás os domingos, levo quince anos coa mesma loita, coas mesmas incertezas e cos mesmos medos e angustias coas que comecei.
Moitas veces os meus fillos téñenme dito por que non o deixaba; moitas veces a rea- lidade me pedía unha e ou- tra vez que parara, que isto xa non daba para máis, pero no fondo de min, algo me impulsaba a seguir. Cando vía os estantes, cando ollaba os escaparates e cando me sen- taba diante da caixa rexistradora, tiña claro que alí estaba o meu reino, que alí estaba a miña razón de ser e que alí estaba todo polo que loitaba.
Agora e despois de quince anos aquí estou. Non son mi- llonario. Vivo normalmente, á miña familia non lle falta de nada. Non temos grandes luxos, pero tampouco pasamos grandes necesidades.
Sigo agardando como un reloxo a chegada do fin de mes, sigo facendo contas e contas para cadrar os núme- ros. Pero teño que dicir que cada vez que entra Pepita ou Manolo, cada vez que Nuria me trae un cacho de empanada que fixo onte, ou cada vez que o neto de Xulián entra e ven rápido a darme un bico, doume conta que fixen e que estou facendo algo importante. Estou creando barrio, estou creando comunidade e sobre todo estou creando afecto entre os que vivimos cerca.
E digo todo isto hoxe, porque me atrevín, porque quero que o que experimento chegue a tantos e a tantas que tamén vos podades sentir desesperados ou con ganas de deixalo todo.
A miña reflexión a modo de conclusión non pode ser outra que a da esperanza e a do deber cumprido. Os comerciantes, sobre todo os pequenos, temos que seguir pensando que a nosa contribución ao benestar e a socia- lización dos noso barrios é e será fundamental.
Por iso: a seguir adiante.