Así foi a Festa da Alegría do barrio
A Festa da Alegría 2023 ven de rematar cun enorme éxito de público. Durante oito días, do 22 ao 29 de xuño, o Calvario encheuse de xentes do barrio e doutras partes da cidade olívica que acostuman a asistir a esta cita anualmente, convertíndoa nun referente na cidade. Este ano a Festa da Alegría veu chea de novidades que a fixeron aínda máis grande e intensa que noutras ocasións. A Festa arrancou a tarde do día 22 coa lectura dun pregón a cargo do xornalista, escritor e historiador Eduardo Rolland para, a continuación rendirlle unha homenaxe a dous dos compoñentes de Siniestro Total, Miguel Costas e Javier Soto, ambos nacidos no barrio. A Asociación de Veciños do Calvario, organizadora da festa, pretende institucionalizar unha homenaxe a alguna persoa relevante no barrio cada ano. ”Xente de querer no Calvario” foi o nome escollido polos organizadores para referirse a dita homenaxe. O día 25 celebrouse o Fiando Miudo, a festa anual de Andarela, que percorreu a peonil entre os aplausos do numeroso público. Nunha semana de altas temperaturas a Festa da Alegría non se viu resentida pola competencia das praias e outros eventos da cidade. Os concertos que se realizaron cada noite foron todo un éxito de público, destacando polo multitudinario que foi a actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona. Tony Lomba, Los EP, El Pelotón de los Torpes, El Hechizo de Nora ou o Trío Sensación, foron, entre outros moitos, os encargados de dar contido musical a esta Festa. A noite de San Xoán foi unha noite máxica cun grandioso espectáculo de lume que concentrou a centos de personas a partir das doce da noite. A realización da Feira do libro dentro da Festa da Alegría foi outro dos moitos alicientes deste ano. En fin… un moi bo sabor de boca para o próximo ano.