Facermos cidade desde os barrios
A cidade é moito máis que un territorio, que un espazo. É, fundamentalmente, unha comunidade humana. Unha importante e grande primeira célula social. Poderá parecer unha obviedade, mais optar por unha ou outra perspectiva define, en boa medida, un determinado modelo de cidade e de desenvolvemento urbano.
Hai quen parece concibir Vigo apenas como unha especie de grande escenografía. Como unha xigantesca casa de bonecas deshabitada, que xestionar en termos estritamente decorativos e aparenciais. Como se o substancial non fósemos quen vivimos e traballamos na cidade. Con base a esa ollada limitada e limitante explícase que o groso das actuacións munici- pais fiquen cinguidas ao espazo, con moi escaso carácter transformador; ao continente, en lugar de atender as necesidades reais do seu “contido” humano.
A isto hai que engadir unha visión “centralizadora”, sob a que infelizmente se pretende erguer o novo PXOM, que parece reducir Vigo a un dos seus centros urbanos, obviando xa non o carácter evidentemente policéntrico que ten arestora a cidade –arredor de outros grandes núcleos como son Travesas ou no “novo Vigo” que configura o PAU de Navia–, senón tamén que a construción histórica de Vigo é resultado dunha vizosa “confederación” de barrios e parroquias. De Saiáns a Teis, do Casco Vello a Zamáns. Da realidade costeira ao rural forestal do interior, da cidade que olla cara ao Val Miñor e da que conecta con ese grande espazo que constitúe a Ría de Vigo. Con barrios que gozan dunha dinámica propia como o Calvario.
O Calvario é un expoñente, en moitos sentidos, do carácter diverso e complexo que ten a nosa cidade. Un barrio urbano, mais con estreitísima ligazón con pa- rroquias como Lavadores ou Teis, tendo operado historicamente como a primeira liña de acceso ao espazo urbano para o que algúns reducen hoxe a periferia, esquecendo que o Vigo rural ou periurbano representa dous terzos do noso territorio.
Mais este barrio, que ten unha historia marcada polo seu carácter loitador e combativo, e que é un dos ámbitos con poboación máis empobrecida, continúa a ser a cerna dun outro modelo de cidade que se quixo abrir paso a través de accións disruptivas e transformadoras como a peonalización de Urzaiz, que se sigue a desmotrar como a grande “humanización” da cidade. Esa actuación, impulsada no seu momento polo alcalde nacionalista, Lois P. Castrillo, transcendía o feito de retirar o tráfico de vehículos. Foi moito máis que permitir o agromar dun grande espazo convivencial e comercial. Era unha aposta por democratizar o espazo público, facendo prevalecer as persoas sobre os coches, como primeiro paso que permitise avanzar cara a unha cidade máis e mellor habitábel e non apenas transitábel. Espazos para vivir, para compartir, e non só polos que pasar. A comunidade primando sobre o territorio e facéndoo ademais de maneira máis sustentábel en termos ambientais e ecoló- xicos.
Como toda disrupción, a peonalización non estivo exenta de polémicas, nalgúns casos alentadas por intereses pouco edificantes, mais as transformacións verifícanse cando se tornan en realidades asumidas e indiscutidas. E hoxe, felizmente, ninguén ousa cuestionar a mellora radical que para este barrio supuxo a audacia de quen non se resignou a seguir a ollar a cidade en cor asfalto. Porén, ese modelo iniciado no Calvario, como na praza da Independencia ou no Casco Vello, nos últimos anos ten ficado hibernado. Porque humanizar é moito máis que remozar as superficies urba- nas. Humanizar, de verdade, é poñer as persoas no centro.
Urxe, pois, superar esa visión centralista que reduce a cidade á súa améndoa central na que concentra os maiores investimentos municipais, desatendendo de maneira manifesta os nosos barrios e parroquias.
Vigo precisa dun novo impulso para sacudirse a iner- cia. Para pasar da política do aparencial e a propaganda, a orientar os enormes recursos e medios que dispón a cidade para atender as necesidades reais das viguesas e dos vigueses, en todo o seu territorio. Comezando a corrixir a débeda histórica que temos cos nosos barrios e parroquias, e que se verifica en evidentes déficits a nivel dotacional e de servizos.
É inexplicábel que un ba- rrio como o Calvario non dispoña aínda dun grande centro cívico municipal, que actúe como motor do desenvolvemento comunitario, con espazos para a realización de actividades culturais e formativas; para o lecer, atención e acompañamento das nosas persoas maiores; para desfrute das crianzas e da mocidade. Un centro cívico que axude a multiplicar o inxente traballo que entidades e co- lectivos como a Asociación Veciñal do Calvario desenvolven, cun enorme esforzo e compromiso. Para seguir avanzando nese modelo de cidade-comunidade.
Unha reivindicación, a do centro cívico, longamente demandada pola veciñanza e tecido asociativo do ba- rrio, e que o BNG recollemos reiteradamente nas nosas propostas para os sucesivos orzamentos municipais pero que chocaron sempre, de maneira inexplicábel, coa negativa do Goberno municipal. Posición que contrasta coa aposta decidida que se fixo noutras etapas por dotar o barrio de máis servizos, e que explica que en 2011 se escollese, precisamente, O Calvario para ser sede da biblioteca Neira Vilas, concibida como a primeira dunha rede municipal de bibliotecas para todos os barrios e parroquias que desgraciadamente non se quixo impulsar nos últimos dez anos.
A mellora da conexións por bus urbano, facilitar e alentar a práctica deportiva, mellorar e alargar os espazos verdes no barrio, ou reforzar as políticas sociais para atender as necesidades das veciñas e veciños con menos recursos, son outras das cuestións pendentes.
Estas necesidades desatendidas do Calvario son exemplos concretos de que apostarmos nun Vigo mellor esixe facermos cidade desde os barrios. Urxe facelo.