Historias do Calvario

Manuel enviuvou fará uns dez anos. A finada da súa muller, Sara, non aguantou seguir neste mundo un día de Abril; chovía e facía frío, lembra Manuel, pouco máis. Daqueles tempos non ten moitas lembranzas na cabeza, a dor da ausencia borrou todo. Seica foi un 14 de Abril, un día de significado para moita xente, nada para Manuel que nunca se metera en política.

Manuel traballou por moito tempo onde Álvarez, logo de chegar con 20 anos a unha cidade descoñecida para el desde, como el chamaba, “a súa terriña”. Unha “súa te- rriña” onde deixou atrás a padre e madre.
Deixou atrás o frío e a humidade dos lameiros, as mans agarrotadas por apañar día si e outro tamén un angazo que xa tiña cravadas as liñas das súas mans. Dei- xou tamén atrás algo máis, todos sabemos diso, do que deixamos atrás.

No local de baile foi onde xuntara con Sara, “Las Palmeras” chamábanlle, nome exótico e glamouroso para un baile situado ao carón dos talleres dos rusos, na que era coñecida incluso logo da guerra como a Rusia Chica. Manuel pouco lembra da guerra, el non nacera e cando naceu tampouco se interesou moito, Manuel nunca foi un home de meterse en política. Tampouco lembra xa moito da Sara.

Iso si, lembra moito do fi- llo, do David. Na cabeza do Manual o David estaba vivo, a heroína non tiña levado a David nunca. O ferro da agulla nunca puidera traspasar unha pel dun fillo seu, unha pel feita de traballo, de pedra e suor, esa pel nunca permitiría o paso desa agulla e o seu veleno. Mais o David, o primeiro dos fillos do matrimonio entre Manuel e Sara morreu logo de roubar o capital da familia que tantos anos custara en gañar. Sara sempre o defendera, era seu neno.

Álvarez pechou, Manuel foi para a rúa e Sara que confeccionaba na casa roupa para unha casa de moda da cidade traballou polos dous. Pero non chegou. O Antonio, o fillo pequeno do matrimonio, foi tirando. O exemplo do irmán máis vello chegoulle e bastoulle para ir por outros camiños. As amizades, sempre son as amizades, a ver con quen te xuntas!! Palabras da finada da nai que deixaran pouso no Antonio que seguía solteiro e non tiña amigos. Traballa desde que rematara os estudos onde unha pequena empresa de artigos de viaxe, “Carnero” chamábase. Antonio levaba a contabilidade e xestionaba os asuntos con provedores e clientes. Aquilo tamén pechou moito antes que Álvarez. Antonio vivía na casa dos pais, mellor dito, no bar de debaixo da casa dos pais.

Manuel mercou un piso onde o que chamaron “A Dobrada”, hipoteca a 8 anos ao 15%, un chollo que lle conseguira un curmán seu que traballaba na Caixa Ourense. A cousa non fora tan mal, moitas horas veladas, moita fiambreira para o chollo, moito ir andando por Ramón Nieto desde o piso que tiña en aluguer na rúa Portela. Antes estivera case que cinco anos vivindo nunha especie de fonda, por chamarlle algo que a señora Teresa tiña na rúa José Antonio, hoxe de Urzáiz e anteriormente de García Hernández. Máis que pensión, aquilo non era outra cousa que unha cama e un colchón que cambiaba ciclicamente cada 15 días de sabanas, un baño a compartir entre os cinco hospedes e nada máis. Teresa non se metía nas vidas da xente, os seus hospedes eran todas xentes de aldea, novas na cidade, novas e inocentes; a industrialización devoraría moitas das súas vidas. A industrialización, os fumes dos diésel e as horas de “Ducados” e “sol e sombra”.