Joyería González, un negocio entre sobriños
- Un dos establecementos comerciais máis antigos do barrio
A “Joyería e Relojería González” xunto con “La perla”, “Olbe” e “Yenín”, son os clásicos de xoiería e reloxería que do barrio.
Manolo Caride non sabe a data na que os seus tíos, Santiago e María González, inauguraron a “Joyería González”, un dos establecementos comerciais máis antigos do barrio.
Recorda que empezou a traballar con eles na xoiería sobre o ano 73, cando tiña 14 anos, e calcula que “Joiería Relojería González” sería aberta polos seus tíos… alá polos anos 50.
Coméntanos Manolo que a forma de traballar cambiou moito. Antes se vendía máis ouro, xa que era un xeito de inversión, e hoxe véndese moito mais a prata, que é máis económica e polo tanto tamén ten máis variedade de deseños. Antes se prefería ter unha peza de valor e hoxe prefírese ter variedade.
Con respecto á reloxería, os cambios foron máis espectaculares que na xoiería. Todo empezou cando se pasou do reloxo mecánico ao cuarzo. A crise da reloxería suíza foi a que deu paso aos fabricantes orientais, Orient e posteriormente Casio e outras moitas marcas. A reloxería suíza contraatacou coa saída ó mercado dos reloxos Swatch buscando prezo e deseño. Aí comezou pouco a pouco a cultura de usar e tirar. Antes as pezas eran boas e hoxe xa se adquire un reloxo por un euro, ou cun cupón en calquera xornal.
Aínda recorda cando nas comuñóns se regalaba un reloxo bo ou unha peza de ouro, porque era un recordo, hoxe os rapaces prefiren unha tablet.
Manolo cre que o barrio cambiou para mellor. Hai vida de barrio, sempre hai xente paseando, e cre que a Asociación de Veciños e a de Comerciantes, coas súas actividades, teñen moito que ver, xunto coa peonalización, neste cambio.
Preguntámoslle a Manolo pola continuidade do negocio e mira para a súa sobriña, Beatriz, que o acompaña detrás do mostrador e di que sí, que está garantida: este é un negocio de sobriños.
A “Joiería e Relojería González” non so é un establecemento emblemático, no que os clientes van pasando de xeración en xeración, senón que tamén é un establecemento comprometido co barrio, colaborando con todas as iniciativas dos distintos colectivos do Calvario á hora de organizar actividades.
Sen dúbida, “Joyería e Relojería González” é un dos imprescindibles do barrio.