O OESTE. PERSONAXES de LENDA: BELLE STARR
Se foron difíciles os principios para os homes no Oeste, imaxínense como foron para as mulleres. Elas viviron un papel secundario nun mundo duro e por suposto machista. Pódese dicir que foron en maior ou menor medida protagonistas na sombra. As mulleres do Oeste pasaron o seu tempo coidando dos seus fillos, realizando todas as tarefas do fogar e tamén da granxa (se a tiñan). Pero non todas, pois houbo centos delas que foron exploradoras, foraxidas e pistoleiras.
Moitas manexaban as armas, unhas por necesidade debido á ausencia do marido, outras polo gusto para disparar. Estas últimas convertéronse en hábiles pistoleiras e independentes, que escolleron un modo de vida nada convencional para a época. Por mor diso xurdiron no mítico Oeste as exploradoras, delincuentes e pistoleiras.
Unha das foraxidas máis perseguidas foi Belle Starr. Myra Maybelle Shirley, máis coñecida por Belle Starr naceu preto de Carthage, Missouri, en 1848. Recibiu unha boa educación, pois procedía dunha familia de clase media, aínda que a súa gran paixón eran os revólveres e os cabalos. As súas afeccións masculinas, consideradas así naquela época, como xogar ao póker, emborracharse nos saloons ou participar en competicións de tiro, fixeron de Belle un personaxe de lenda sobre o que escribiron multitude de historias difíciles de pescudar e contrastar.
Durante a Guerra de Secesión, os soldados unionistas mataron o seu irmán maior Bud, alistado nunha guerrilla confederada, o seu pai decidiu trasladarse a Texas e alí a moza coñeceu e namorouse de Cole Younger un guerrilleiro sudista. Belle fíxose espía e exploradora nunha guerrilla confederada. Pasou a formar parte da banda dos James- Younger, unha das bandas criminais máis famosas nos Estados Unidos, cuxo fundador foi o famoso pistoleiro Jesse James. A maioría dos seus membros foron guerrilleiros ao lado confederado.
Belle continuou coa delincuencia mantendo relacións con foraxidos, chegando a casar en tres ocasións con Jim Reed, Sam Starr e Jim July respectivamente. O primeiro marido Reed pertencía a unha banda de foraxidos sudistas. Tivo dous fillos, Ed e Pearl. Reed morreu asasinado en 1874 por un membro da súa propia banda. En 1880 namorouse de Sam Starr, un facinoroso con sangue cheroqui, foi o seu segundo marido. Ambos comezaron a delinquir, foron acusados do roubo de cabalos e por iso pasaron nove meses no cárcere. A parella non deixou de entrar e saír do cárcere e á súa vez ía crecendo a fama de Belle, ata o punto de participar nun espectáculo do Salvaxe Oeste, actuando como asaltante de dilixencias.
En 1886 nun tiroteo cunha partida de vixiantes morreu Sam, Belle puido escapar pero non viviría por moito tempo. Pouco tempo despois contraeu matrimonio con Jim July co que viviu unha relación tormentosa. En 1889 foi asasinada á idade de corenta e un anos, recibiu un tiro por detrás, xa que poucos se atrevían a desafiala. Crime que nunca chegou a esclarecerse e por tanto a ninguén se puido acusar da súa morte. Foí enterrada preto do Lago Eufair ao sueste de Porum, Oklahoma.
Coméntase que Belle era un poder na sombra, o cerebro dos golpes que daban estes foraxidos (enténdase maridos) e as súas bandas. Planeaba os roubos, subornaba a gardas de prisións, contrataba a bos avogados e mesmo axudaba a esconder os botíns doutras bandas, cobrándolles unha comisión. Isto valeulle o alcume de Raíña dos bandidos. Fíxose tan famosa que calquera roubo, fose gañado da zona, un banco ou unha dilixencia, atribuíaselle a ela.
Un dato curioso era o ben vestida que ía, poderíase dicir de forma glamorosa. Belle levaba case sempre elegantes vestidos e botas relucentes, xunto aos seus dous revólveres na cintura e unha fusta de montar atada á boneca, de tal maneira que non parecía unha bandoleira. En realidade non era realmente necesario que se vestise con roupas máis cómodas, xa que ela só planeaba os golpes e normalmente non os cometía. Resumindo ía de domingo, non parecía unha bandoleira, xa que os delitos cometíanos outros.
Unha vida libre que deu orixe a varios westerns, con interpretacións de Gene Tierney en “Belle Starr” ou Jane Russel en “Montana Belle”.
Por suposto existiron máis mulleres con roles así de interesantes na época do Salvaxe Oeste. Entre elas Calamity Jane, Laura Bullion, Annie Oakley, Pearl Hart Sally, etc…Destacando Calamity Jane, polos westerns sobre a súa persoa (quen vise películas do Oeste, sen dúbida oiría o nome de Calamity) e como dato curioso o seu “noivado” co famoso e lendario Wild Bill Hickok.