Vigo, referente turístico. Os barrios tamén poden selo.
Somos Calvario sempre se manterá ao marxe das loitas políticas, pero sempre informando obxectivamente do que esta a acontecer no noso barrio e na nosa cidade. Dicimos isto porque se pode estar máis ou menos de acordo coas accións que está a levar o noso concello; pódese estar máis ou menos de acordo coas aparicións públicas do Alcalde e os seus clips nos medios de comunicación, pero o que si é indubidable e fácilmente contrastable é que Vigo nos últimos anos está no mapa, e se ten constituído como un claro referente turístico dentro de todo o estado español.
Este pasado mes de agosto, tivemos unha moi boa proba disto. Deuse a “tormenta perfecta” para que a nosa cidade se enchera de miles de visitantes. Tivemos o Marisquiño que é xa o festival máis importante de Europa en canto a deportes e actividades alternativas, e tivemos grande concertos en Castrelos que unha e outra vez encheron de música e de maxia as noites do verán, cunha resposta de público incrible.
Así puidemos comprobar como non había nin unha soa habitación libre nos nosos hoteis non só nos de Vigo senón tamén nos da nosa contorna.
Antes polo nadal foron as luces e todo o armazón os que conseguiron que tamén nos visitaran miles de persoas que desexaban contemplar o que meses atrás se encargara Abel Caballero de difundir en todas as televisións do Estado coas súas famosas “ocorrencias” que tanto deron que falar.
Non rematara aínda o verán e de novo comezaron a colocación das luces do próximo nadal e unha vez máis volvemos a ser noticia en todas as cadeas de televisión.
Pódenos gustar máis ou menos, pero que Vigo sexa un referente turístico e non só polas praias ou pola gastronomía é bo para a cidade e para todos nós xa que ampliamos os meses de atracción turística e podemos ir avanzando cara a conseguir un turismo non estacional.
Desde estas liñas, permitímonos suxerir que esta ola de atracción turística que está a vivir a nosa cidade, pode ser un gran momento tamén para poñer en valor todo o que temos nos nosos barrios.
Por falar de aquí, do Calvario, temos uns atractivos comerciais e sociais que se poden incorporar fácilmente dentro de todo ese paquete turístico que ofertamos. Temos unha zona peonil sen igual na que se poden realizar infinidade de actividades lúdicas, como xa se ven facendo.
Tivemos un exemplo no inicio da descentralización do Marisquiño, descentralización que se pode seguir ampliando a outras zonas da cidade que teñan a capacidade de realizalo. A descentralización das diversas actuacións que xa se veñen levando aos barrios debe seguir e cun evento deses multitudinarios que tamén axude a coñece o que temos.
No nadal tamén se poden levar aos barrios atraccións que sexan de interese para todos e que “obrigue” a visitar esas zonas que moitas veces non se coñecen.
En definitiva, estamos encantados de que Vigo sexa un gran referente turístico, e entre todos temos que axudar a que isto siga sendo así. Desde os noso barrios e desde as zonas que temos cerca de nós podemos contribuír a que Vigo sexa integralmente unha gran cidade na que vivir e á que podamos mostrar ao mundo enteiro.
Dentro desa gran cidade, o Calvario sempre estivo e estará para contribuír co que temos e co que somos a ese gran Vigo que xa estamos a construír.