Volve a Festa do Socio da A.V. Calvario

Celebrarase o domingo 11 de setembro, entre as 12 e as 20:00 h no tramo final da peonil

Despois de dous anos sen poder celebrarse, á terceira vai a vencida e este ano sí se celebrará a Festa do Socio da Asociación de veciños do Calvario.

Nesta ocasión, os responsables da asociación  retoman o formato de festa da última edición, a do ano 2019, onde encheron a peonil do Calvario de múltiples actividades nunha xornada de confraternización veciñal.

Ao igual que na última edición, encherán de mesas e cadeiras a peonil, animando aos veciños e veciñas, socios ou non, a sair á rúa e comer xuntos ao longo da rúa central do barrio.

No ano 2019, cerca de duascentas  persoas se reuniron nun xantar colectivo, cifra que segundo a organización superarán este ano.

A festa celebrarase o próximo domingo 11 de setembro, entre as 12 e as 20 horas, no tramo final da  peonil do Calvario.

Haberá distintas actividades musicais e lúdicas ao longo do día, tanto para maiores como para os máis pequenos, pero o momento máis bonito da festa darase á hora de xantar,  onde centos de veciños e veciñas, no máis puro estilo galego, reuniranse ao redor das mesas para cantar, falar e rir.

Cada grupo ou persoa poderá traer a súa propia bebida, comida ou sobremesas;  viandas que se comparten xenerosamente co resto dos veciños, pero se non se quere ou non se pode vir avituallado non será un problema, xa que ao longo da rúa haberá diversos postos de comida e bebida.

En definitiva, unha xornada de convivencia no barrio, onde a Asociación de veciños do Calvario aproveitará a ocasión para mostrar aos seus socios e veciños do barrio os distintos cursos e actividades que a asociación ten programado para os próximos meses.

A esta celebración están invitados diversos colectivos que normalmente traballan baixo o paraugas da Asociación de  veciños do Calvario, tales como a Coral Riomao do Calvario ou o colectivo Folclórico Andarela que, aparte de dar mostra do seu bo facer, informará sobre as actividades que realizan ao longo do  ano.

Tamén estarán presentes unha representación de colectivos e asociacións que habitualmente colaboran coa A.V. Calvario, tales como o Distrito Casablanca, O Fiadeiro ou a Asociación Cultural de Pardavila.

A esta celebración están convidados os máis de 700 socios que ten a asociación e, como non podía ser doutro xeito, todos os veciños e veciñas do barrio e, por extensión, de Vigo.

Se estás interesado en participar do xantar colectivo, aínda que dende a directiva garanten espazo para todos, deberás poñerte en contacto coa Asociación xa que está necesita ter un mínimo de previsión á hora de colocar cadeiras e mesas.

Anímate e disfruta do noso barrio e da súa xente.