Entrevistamos a Mariano Marcos Abalo, creador do conxuro da queimada
“Compuxen o conxuro da queimada no ano 67, no mar,
a bordo dun barco decomisado, atracado no porto de Vigo”
Mariano Marcos Abalo Poeta, escritor, debuxante e artista polifacético
Visítanos na Asociación o poeta, escritor, debuxante e artista polifacético, Mariano Marcos Abalo, un home sereno e afable, con un falar tranquilo.
Oriundo da Pobra do Caramiñal, reside en Vigo dende o ano 1961. Fillo de maestro, iniciou os seus estudos na escola do seu pai para pasar logo á de Salustiano Rey. Os trece anos ingresa no seminario salesiano de Castrelo-Cambados. Anos máis tarde cursou estudos no Seminario Conciliar de Santiago de Compostela estudando humanidades e filosofía, onde, como el di, desertou da súa incipiente carreira relixiosa.
– Boas tardes Mariano. Perdemos un Cura pero gañamos un poeta?
– Polo que parece, Deus non me chamaba ás súas filas. Logo do seminario matriculeime, no ano 56, na escola de maxisterio “López Fe- rreiro” de Santiago, carreira que tampouco finalicei. Des- pois viu o servicio militar.
– Resides en Vigo dende o ano 61. Xa te instalaste no Calvario naquelas datas?
-No ano 60 realizo oposicións ó banco Pastor e consigo praza en Vigo, onde me xubilaría 37 anos máis tarde. En principio, instálome nunha pensión, a do bar Jabalí , na rúa Chu- rruca, cando non había pubs nen botellón –matiza-. En decembro do 68 caso con María Gloria Pereira que sería a miña compañeira e nai da única filla, que á sua vez me deu dous netos. Foi aí cando me instalei no Calvario, máis concretamente nos Choróns, frente ó cole- xio Mariano, que a pesar do seu nome e de que a miña filla estudase nel, non me pertence.
– A creación do conxuro da queimada é por eses anos ?
– Compúxena no ano 67, no mar, a bordo dun barco decomisado, atracado no porto de Vigo. Alí nos reuníamos, co xefe de máquinas que quedara ó coidado do barco, e un grupo de amigos facendo festas de fin de ano, carnaval e os guateques tan típicos daquel tempo. Foi aí, nunha desas queimadas, que compuxen o conxuro. Anos máis tarde, no 74, con motivo dunha asamblea galaico-portuguesa, engadinlle dúas novas estrofas.
– Intuías o éxito deste conxuro?
– Non podía imaxinar a repercusión que chegaría a ter. Houbo que o comercializou cun éxito inesperado, coñecido en toda España e nos centros galegos do mundo. Os primeiros exemplares levan a miña firma, pero eu son pouco de marketing e non pedín nese momento a propiedade intelectual. Foi no ano 2001 cando solicitei os dereitos.
– Colecionista….
– Colecciono pipas, chaves, teño máis de 200. Esquelas tamén colecciono. Despois de 40 anos de rastreo funerario teño máis de 40.000. Colecciono esquelas con alcume.
– Pregoeiro…
-En Cambados, Pazo de Borbén, A Cañiza, Porriño…. Moito pregón.
– Debuxante…
– Si, debuxo humorístico, teño viñetas no museo de Fene… Pero tamen tallo. Tallo en madeira de buxo.. e ata nos osos das olivas…
– E…poeta….
– Si, tamén…. pertenzo ó grupo poético Brétema…. Ademáis gañei o concurso de poesía da Asociación de veciños do Calvario no ano 2014.
Deixamos a conversación aquí. Mariano ten corda para rato, pero nos compremetemos a que nos próximos números de Somos Calvario seguiremos falando de e con Mariano. O autor do conxuro máis famoso de Galicia, o conxuro da queimada…