A importancia de onde gastamos
-
O comerciante enmascarado
De cando en vez cómpre que repasemos as nosas fortalezas e as razóns polas que podemos e debemos convencer na nosa contorna dos beneficios e da necesidade de apoiar ao pequeno e mediano comercio.
Non pode existir unha recuperación económica real e integral se non recuperamos a puxanza do comercio de proximidade. Estes establecementos que son os que máis emprego xeran en total, aseguran un crecemento económico sostible e extensivo a todas as capas sociais.
Todo o que investimos nos comercios de proximidade van dunha ou outra maneira a volver ao propio barrio, xa que os seus propietarios conviven e crean lazos nas propias zonas onde se asentan. O que gastamos nas grandes superficies ou a través das plataformas dixitais, son recursos que se quedan, na meirande parte dos casos, en mans alleas no so do noso barrio ou cidade senón tamén fora da órbita do propio país.
As tendas e comercios locais como cafeterías, restaurantes, tendas de roupa, barberías… crean ambiente alí onde están e configuran en moitas ocasión lugares de encontro onde as persoas poden verse e contactar socialmente. Temos un claro exemplo na nosa cidade en zonas que son tradicionais de comercio, que se teñen convertido en grandes lugares de relación cidadá.
A pesares das pouca axudas coas que contan estes establecementos e coa situación económica actual de suba de todos os servicios, o pequenos comercios seguen dando emprego a moitas familias.
O trato personalizado e tamén unha boa razón para seguir apostando polo comercio de proximidade. En moitos casos coñecemos aos propietarios de toda a vida e incluso coñecemos os seus nomes e eles os nosos. Créase unha relación entre comerciante e cliente que favorece sen dúbida a confianza, a seguridade no que compramos e tamén o saber que sempre estarán aí.
Outra das razóns para apoiar aos nosos comerciantes é a solidariedade. Solidariedade polas grandes dificultades que están a pasar. Solidariedade coa historia destes establecementos que en moitos casos teñen pasado de avós a país e a fillos.
A racionalización das nosas compras tamén é importante. Cando entramos nun comercio do barrio sabemos o que queremos comprar, e non imos saír con nada que non precisemos. Non imos ter campañas publicitarias detrás que nos intenten influír nin imos atopar esas pretendidas ofertas que ao final en lugar de abaratar a nosa cesta da compra o que fan é encarecela ao engadir produtos que noutro momento non comprariamos.
A calidade no que compramos no comercio de proximidade está asegurada. O comerciante que nos vende no noso barrio, sabe que mañá estaremos aí, e sabe que o que venda ten que ser de calidade para evitar posteriores reclamacións que ademais se efectuaran en persoa e non a través de ordenadores ou plataformas dixitais.
Poderiamos seguir enumerando moitas outras razóns para optar por o pequeno comercio.
Ao final a decisión de onde e cómo comprar é unha decisión persoal, pero que debemos facer reflexionando sobre a importancia de onde gastamos e do que vai a supoñer para a nosa contorna ese gasto.