A FINCA DE RIVERA
A FINCA DE RIVERA
Nesta ocasión gustaríame falarlles dunha zona importante do noso
Calvario, que aínda que non forma parte do núcleo principal que é o
Paseo, é de vital importancia para o barrio e a súa historia. Trátase do
Pazo de Rivera Atienza, ou como tamén se coñecía polos veciños da zona
A Finca de Rivera.
Esta Finca de Rivera contaba cunha edificación do século XVII, propiedade da familia
Rivera Atienza, sendo a súa última señora do pazo dona Asunción Rivera y Gil Atienza (“a
señorita”) que faleceu en febreiro do 1976, permanecendo nela ate os anos noventa uns
caseiros que gardaban o pazo e a finca.
A súa extensión de terra era moi grande,
acadando dende o alto do Seixo ate a igrexa de Santa
Cristina. Unhas terras que estaban cultivadas polos
veciños e veciñas dende moitos anos atrás que, en
calidade de arrendatarios, podían dispor de parcelas de
terra a cambio duna cantidade de cartos pagada
anualmente á “señorita”. Así podíase observar como toda
esa extensión de terra estaba cuberta de plantación de
patacas, millo ou verduras, con algunha caseta en cada
parcela para gardar o apeos de labranza e incluso para
cría de animais. Contaba tamén coas súas zonas de
árbores froiteiras, como pereiras, maceiras, laranxeiras
etc. Alí a familia da miña avoa, era unha das que tiña a
sorte de contar cun terreo para sementar e recoller
produtos e ter animais, que eran dunha vital importancia para a alimentación da familia.
Cando paso polo lugar aínda recordo as tardes de traballo familiar detrás dunha parella de bois
tirando dun arado e cun caldeiro de patacas cortadas ir colocándoas no rego que abría o
arado, sempre co corte da pataca cara a terra e os gromos cara riba, seguido doutro rapaz que
a pequenas presas de “mineral” íalle botando un pouco debaixo de cada pataca. Outra cousa
era no momento de levantalas patacas da terra, xa que este traballo precisaba de corpo e
destreza para non cortalas ó metelo legón. Tamén podo recordar á “señorita” mandando
dende o alto da solaina do pazo que daba cara as terras, -“súbanme una poca de fruta”.
Pois ben, toda esta extensión de terra hoxe está cuberta de edificacións, uns edificios
que albergan 400 vivendas sociais, un pavillón deportivo, unha piscina municipal, a comisaría
de policía autonómica, a biblioteca municipal Neira Vilas, un parque infantil e zona verde. Toda
unha transformación do espazo que converteu esta zona do Calvario, a Finca de Rivera, nunha
zona chea de vida, que deu acollemento a moitas familias de todos os puntos da cidade que
puideron acceder a unha vivenda, a cambio de prescindir no barrio dunha zona verde da que,
ó meu entender, seguimos carecendo, pero dixo xa falaremos noutra ocasión.
Logo, dentro desta Finca de Rivera está o Pazo, unha edificación do VII que se
mantivo habitado no tempo polos donos ata o ano 1976 , e compartindo vivenda o cura da
parroquia de Santa Cristina, sendo o último en facelo D. Serafín, e os seus últimos ocupantes
os caseiros ata os anos 90 cando foi adquirido pola Xunta de Galiza para a súa reconstrución.
Un lugar polo que tiven a sorte de pasear antes da súa recuperación grazas a miña vinculación
familiar coas persoas que o gardaban como caseiros. Persoalmente penso que foi unha boa
obra a súa reconstrución, xa que se fixo respectando a súa estrutura edificada, departamentos,
soportais de entrada e demais dependencias, o seu patio interior e solaina así como a
estrutura do canastro. Tamén paréceme un acerto o uso que se lle deu a esta edificación, e
que se lle segue a dar, salvo neste tempo de pandemia no que están suspendidas todas as
actividades. Un pazo convertido nun centro social no que se imparten máis de vinte
actividades e que conta con biblioteca, sala de lectura, cafetería. Todo un fermoso lugar para o
goce da veciñanza. Un pazo que foi construído para albergar ós señores da alta sociedade
dende o século XVII, señores emparentados cos condes de Soutomaior a través do señor
Méndez Núñez de Pontenova, e de dona Andrea Méndez de Lira e Soutomaior, donos do pazo
de San Roque do Couto na parroquia de Sárdoma no concello de Vigo.
Creo que está moi ben que estas instalacións do Pazo de Rivera Atienza, que foron
ocupadas por xente de alta posición social, agora poidan ser usadas para o servizo do pobo.