A importancia dun pensamento colectivo
- O comerciante enmascarado
Volven a vir tempos de restricións e de axustes económicos. Veñen tempos nos que como sempre teremos que resistir como temos feito en moitas ocasións. Os pequenos e medianos comerciantes estamos acostumados. Son xa moitas ocasións nas que en tempos de crises temos que apertar o cinto e adaptarnos ás novas circunstancias. Agora coa tremenda subida de prezos a que estamos asistindo, nos toca outra vez. Suben os combustibles, co que o transporte para que nos subministren os nosos produtos, e un tanto por cen moi elevado. Non vos teño nin que dicir o que subiu a electricidade e como cada mes que pasa as nosas facturas da luz se incrementan ata un 15 %.
Con esta situación que se nos pide? Se nos pide e así o facemos que non repercutamos nos nosos clientes ese 10.2% da subida dos prezos. Se nos pide que sigamos pagando os nosos impostos, impostos que non nos baixan, claro.
Se nos pide en definitiva que aguantemos e que sigamos traballando para que non se vexan afectados os postos de traballo. E claro, os nosos empregados e empregadas reclaman como é xusto que elevemos os seus salarios xa que logo eles tamén teñen que soportar as continuas subidas nos produtos que compran. E que facer? Rebaixar aínda máis os nosos raquíticos marxes, que xa tivemos que reducir por mor da pandemia? Renovar e mellorar os nosos catálogos diante da situación de incerteza que estamos a vivir? Eu a verdade e que non sei. O corpo moitas veces me pide renderme, pechar e dedicarme a outra cousa. Outras veces me pide subir os prezos, aínda que con iso lle afecte e moito aos que desde anos están sendo fieis ao meu establecemento.
Hoxe quero compartir con todos vós a miña reflexión final. Creo que temos que seguir, que temos que loitar polo que tanto esforzo nos costou levantar e manter. Temos que seguir traballando como sabemos, con servizo directo aos nosos usuarios, coas nosas mellores caras e transmitindo directamente as nosas dificultades e os nosos sacrificios aos que se achegan aos nosos negocios.
Sigo insistindo como o teño feito noutras ocasións que nos momentos de dificultades temos que unirnos. Temos que seguir insistindo na unificación das nosas compras e dos servicios que demandamos para abaratar costes. Unha central de compras, uns servicios de xerencia compartidos e unha asociación forte de comerciantes, son fórmulas xa experimentadas noutros lugares e que sempre deron resultados moi satisfactorios.
O individualismo e o pensar que podemos saír disto sen cambiar nada é un gran erro.
Pensar que por un mesmo podemos atopar a solución e unha fantasía que se afasta moito da realidade. As solucións teñen que vir: primeiro das administracións que nos teñen que axudar con máis axudas e con máis políticas de potenciar o consumo de proximidade. Despois apoiando campañas para potenciar o consumo de proximidade.
E logo uníndonos e entre todos ofertar moitas avantaxes e agasallos entre os que compren no noso barrio, resaltando as nosas rutas comerciais e mesmo editando publicidade conxunta entre todos os establecementos.
En definitiva: entre todos pensamos mellor, entre todos somos máis capaces de atopar innovadoras solucións e entre todos temos máis amarres para subsistir diante de situación como estas.
Remato o meu encontro, a través destas liñas, volvendo a transmitirvos todos os meus ánimos e todas as miñas enerxías para que teñades esperanza e ilusión por continuar ao fronte dos vosos negocios, que sen dúbida son polo que temos loitando case que toda a nosa vida.