O CALVARIO QUE VIVIMOS

O Calvario e os nosos cines

Miguel Pérez

Nos meus paseos polo Barrio do Calvario, observando o movemento de persoas, as fachadas dos edificios, os comercios coa súa actividade, un non pode evitar pensar nos  tempos pasados, naqueles negocios que funcionaban con tanto movemento de xente e que xa non están, negocios que foron transformándose ó mesmo tempo que a sociedade ía mudando de costumes e gustos. Paso pola entrada da Rúa Sagunto, noutrora Rúa de Portugal e descendo por ela ó pe da cafetería Alaska e do, outrora, bar Refugio, ata  chegar o número 19, onde hoxe está Muebles La Peña, e que antes era un bar co mesmo nome. O recordo é inmediato, aquí estaban os cines do Calvario, o Cine Palermo, e o  Cine Avenida. Unhas salas de cine que foron construídas alá polo 1946 e que desapareceron nos anos 80. Estes eran un punto de espallamento que recollía xente de todos os  arredores do Calvario. Contaban cun aforo de 200 localidades o Palermo (ou cine “darriba”) e 400 o Avenida, (ou cine “dabaixo”) cantidades que se podían ver incrementadas coa colocación de cadeiras polos corredores de acceso da sala.

Co prezo de 2,50 pesetas por entrada podías ver dúas películas en tres pases, sesión continua, cun breve descanso para “visitar o bar”. Ben é certo que non eran de moita actualidade, nin moito  menos estreas, por iso cando podiamos permitírmonos un extra iamos a Vigo, coa roupa dos domingos, para asistir a unha das salas dos cines importantes. Poder entrar nos cines do Calvario un sábado ou domingo supoñía ter sorte xa que, ou adiantábaste ó seu horario de apertura, ás tres da tarde, ou corrías o risco  de non ter entradas, tendo que esperar a que no segundo pase, quedaran sitios baleiros para poder acceder. Pola semana o tipo de público era diferente, xente maior que dispoñía dese tempo nas  tardes para ver unhas películas, xa que nas casas non había a televisión, mais a maior parte do seu aforo era nas fins de semana que estaba composto por nenos e nenas de 10 a 16 anos, que  asistían sen a necesidade de acompañamento de adultos… Una vez conseguido o acceso, viña o gran labor de acomodar a toda aquela masa de xente nos respectivos asentos, que non era cousa  doada, se temos en conta o comportamento dos rapaces e rapazas cando están en grupo.

Aquelas persoas, os acomodadores, estaban preparados para aturar de todo, xa que o traballo non remataba ó comezar a película, senón que cando se desprazaban pola sala axudados cunha  anterna para buscar asento a algún atrasado, recibían todo tipo de “adulacións”, sobre todo dos máis mozos amparándose na escuridade da sala, aínda que ás veces eran descubertos os infractores  e recibían como castigo unha sanción moi grave, a prohibición a perpetuidade do acceso ós cines.

A persoa encargada da proxección da película, tiña que estar atenta ós sons que chegaban da sala e distinguir cando o pateado sobre o chan de madeira correspondía á coreografía que o público  acompañaba no ataque dos indios, ou que se trataba dunha parada da película. Así funcionaba durante todo o ano, recordo que ata en Semana Santa, que estaba prohibido todo acto lúdico, aínda  que hoxe custe crelo, nos cines si se mantiña a actividade, só que con películas de carácter relixioso, como por exemplo Marcelino Pan y Vino ou Fray Escoba.

Os meus recordos sobre os cines do Calvario son moitos e téñoos como unha parte importante da miña xuventude, non digo que foran mellores tempos os de antes que os de agora, por suposto que non, tan só que un os garda con especial cariño.