A nosa saúde
Levamos case que dous anos nos que sen dúbida a saúde foi unha das nosas grandes preocupacións. Coa chegada da pandemia, démonos conta do importante que é ter un bo sistema de saúde, e do importante que é os investimentos que fagamos tanto na infraestrutura sanitaria como en materia de investigación.
Cando todos e todas queriamos unha vacina, mirabamos para outros luga- res con envexa ao ver que noutros países se estaban a desenvolver con grande rapidez.
Mirabamos un e outro día os datos de presión hospitalaria, e lembrabamos os recortes en camas e en persoal que viñamos soportando durante os últimos anos.
Cando os datos eran os peores e sobre todo avanzaba o número de contaxios e falecidos, mirabamos para o sistema galego de saúde e diciamos e nos preguntabamos por que non tiñamos posto máis medios en algo que era e é tan esencial para a nosa convivencia.
Despois de case que dous anos, nos seguimos preguntando, que máis ten que pasar para que nos deamos conta da importancia da política sanitaria para o futuro e para o benestar da nosa sociedade. Cantas pandemias máis teñen que vir, cantas ondas teñen que pasar para que caiamos na conta de que todo o que aportemos en sanidade é proporcionalmente satisfactoria coa nosa felicidade.
Que ten cambiado despois de dous anos desta pandemia? Seguimos asistindo á falta de medios, á falta de persoal e a falta de investimentos nunha área que ten unha grande repercusión na vida de todos e todas.
Nos últimos meses estamos a ver como se colapsan os centros de saúde. Estamos a comprobar como se retrasan as citas médicas e sobre todo as intervencións cirúrxicas.
O persoal sanitario leva xa semanas e semanas re- clamando máis e máis e medios. Son constantes as manifestacións de facultativos denunciando a falta de medios e exclamando a súa desesperación por a imposibilidade de atender aos seus pacientes cos tempos necesarios.
Nos momentos máis duros desta pandemia, saíamos as nosa ventás a aplaudir o labor dos nosos e nosas sani- tarios/as. As autoridades unha e outra vez valoraban e destacaban o papel deste colectivo na loita contra o virus. Pois ben, despois de dous anos, nada ou moi pouco se ten feito para mellorar a situación e para solucionar as graves carencias que en materia médica estabamos padecendo.
Os entendidos nisto dos análises e das reflexións sobre a calidade de vida das distintas sociedades teñen dito sempre que hai dous piares básicos para cualificar a un país, a unha comunidade ou mesmo ao mundo máis avanzado. Estes piares son o ensino e a sanidade.
Lonxe de atender a isto, vemos como se atenden antes a outras cousas, se envorcan actuacións en outras materias non tan urxentes e seguimos por non atender as referentes ao coidado das persoas.
As plataformas pola defensa da sanidade pública veñen demostrado unha capacidade de loita e de denuncia dignas de encomio. Os distintos profesionais da saúde veñen alertando dos problemas das privatizacións e da redución sistemática de persoal, e os cidadáns unha e outra vez vímonos da falta de medios e dos grandes retrasos na nosa atención.
Que hai pois que agardar? Que máis ten que pasar para que os poderes públicos atendan e se preocupen do noso sistema sanitario?
A saúde das persoas está en xogo. Nada máis e nada menos.