Non a Guerra

Descoñecemos se no día que este xornal saia á rúa cesaron as hostilidades, ou se chegaron a acordos reais para parar o fogo. Nunca desexariamos máis que este editorial quedara obsoleto cando o lerades, porque iso sería mostra de que todo acabou.

Ningunha, ningunha guerra é xustificable, nin as que fan dun lado nin as que fan doutro. Nas guerras todos perden e todos perdemos. Guerras que en todos os casos responden as necesidades de líderes con ansias de poder, de intereses económicos ou mesmo das ganas de controlar as vontades de pobos enteiros.

Cando ollamos as imaxes de miles e miles de persoas fuxindo do seu país sen nada que levarse a boca, cando vemos civís mortos polas rúas, nos acordamos da miseria humana e do pouco que aprendemos da nosa propia historia.

Parece que esta guerra nos toca máis de cerca por que estase a realizar en Europa, pero non podemos esque- cernos dos xenocidios que se teñen cometido noutros lugares máis afastados e que moitas veces pola propia censura occidental se nos pasan desapercibidos.

Despois de ter vivido dúas grandes guerras, con xenocidios e holocaustos incluídos, despois de ter padecidos pandemias, fames e demais, non aprendemos. Seguimos repetindo unha e outra vez os mesmo erros, e a diplomacia e as institucións das que nos dotamos o mundo actual, están demostrando non servir para nada.

Diante desto non pode- mos calar. No só agora, nunca. Non só cando se trate de grandes potencias ou de Europa, non podemos calar sempre que se utilice a forza para dominar, asoballar ou someter a un pobo, a un colectivo ou a unha soa persoa.

Temos exemplos na historia de cómo a presión popular, o activismo pacifista teñen parado guerras e mesmo conseguido conquistas de independencia e autonomía.

Pois este é o camiño. Sempre que haxa unha agresión a un pobo, sexa cal sexa temos que saír a rúa e que se escoite a nosa voz. Non debemos permitir nunca que no nome dos nosos intereses como pobo ou en nome da nosa defensa, se vulneren os máis elementais dereitos dos homes e mulleres do mundo.
Se ninguén atacara, non necesitariamos defendernos. Se todos actuaran dentro do seu territorio non perigaría ningunha fronteira.

Desde Somos Calvario o noso berro hoxe é moi claro e sen fisuras:
Non a guerra. A ningunha guerra.