A televisión
- Por Álvaro Gil
Dous inventos, a transmisión de imaxes e a reprodución de imaxes en movemento, crearon a televisión.
En 1925 o inventor escocés John Logie Baird construíu o primeiro prototipo de televisión, no que as imaxes eran escaneadas nun disco Nipkow (Figura 1). A imaxe tiña unha resolución de 25 liñas e era diminuta. Inventouse a televisión electromecánica.
O disco de Nipkow foi inventado polo enxeñeiro Paul Nipkow, creando un método práctico para o escaneado de imaxes, que é a base da televisión. No aparello de Nipkow, a imaxe do exterior, proxectada por unha lente, era descomposta facéndoa pasar por un disco con múltiples orificios, o cal, ao virar rapidamente, transmitía as diferentes pezas da imaxe a un detector fotoeléctrico
de selenio, onde quedaban marcadas. Despois, eran enviadas a través dun cable como impulsos eléctricos. Cantos máis buracos tivese o disco, máis resolución tería a imaxe.
No disco de Nipkow os orificios dispostos en espiral determinan o ancho da imaxe, mentres que a distancia entre as perforacións daba a altura.
As primeiras ideas sobre a televisión electrónica, que propuxeron sistemas de varrido de imaxes, xurdiron a partir dos anos vinte do século pasado. O inventor estadounidense Philo Farnsworth logrou construír o tubo disector que lograba a descomposición electrónica de imaxes (Figura 2).
No tubo de Farnsworth as emisións fotocatódicas creaban unha imaxe electrónica sobre unha superficie fotosensible, que era logo descomposta para producir un sinal eléctrico da imaxe visual. Para mellorar a recomposición da imaxe descomposta pasouse, en 1934, dos primeiros aparellos de Baird aos dispositivos mellorados de Farnsworth, con 220 liñas a unha velocidade de 30 imaxes por segundo.
Pódese considerar a Farnsworth como o inventor esquecido e a súa historia subliña dúas realidades esenciais na historia da innovación. A primeira, que unha idea brillante pode terminar nos lugares máis inesperados, e a segunda, que se un vai ser inventor, tamén debe ter cabeza para os negocios.
Philo Farnsworth contou aos xornalistas durante a presentación do seu tubo de imaxe: estaba arando un campo de patacas, cruzándoo continuamente adiante e atrás e deixando liñas de terra removida, cando me veu á mente que os feixes de electróns poderían facer o mesmo coas imaxes, deixando en cada liña un ronsel de datos.
Anos máis tarde, en 1931, o ruso Vladimir Zworykin creou o iconoscopio, compoñente clave no desenvolvemento das cámaras de televisión, que funcionaban de modo electrónico (Figura 3).
O iconoscopio é unha adaptación do tubo de raios catódicos á función de captura de imaxe. No modelo orixinal a imaxe ingresa a través dunha serie de lentes, e impacta nas células fotoeléctricas da placa no outro extremo do tubo. Un raio catódico varre a placa, cargándoa, e as células fotoeléctricas emiten unha carga eléctrica, en función da cantidade de luz recibida. O sinal de imaxe resultante é enviada e amplificada para ser reproducida nun monitor.
Os primeiros acontecementos televisivos foron as Olimpíadas de Berlín de 1936 e a Exposición Xeral de Nova York de 1939, cando se transmitiu o discurso inaugural do presidente Roosevelt.
O primeiro televisor comercial con tubo de raios catódicos fabricouse en Alemaña por Telefunken en 1934. Dous anos despois foi producido en Francia, Italia e Reino Unido por outras industrias, e en 1938, tamén en Estados Unidos. Os televisores en cor difundíronse a partir de 1960.
A mediados da década de 1980, os avances da Electrónica deron pé aos primeiros estudos de transmisión de imaxes en forma de bit, posibilidade que se confirmou en 1990 e impúxose a partir de entón como estándar a nivel mundial. É dicir apareceu a televisión dixital.
O lugar onde se coordinan e emiten os programas de televisión é o control de realización. Divídese en dúas áreas: control de audio e control de vídeo.
Os sinais son difundidos por grandes transmisores de alta potencia ou satélites con frecuencias moi concretas. Para alcanzar zonas afastadas do transmisor os sinais deben ser captadas e amplificadas por repetidores (Figura 4).
Poderíase seguir falando dos últimos adiantos da televisión, que son moitos, pero o que se pretende neste artigo é facer un breve repaso do comezo da historia da televisión e aos seus descubridores.
E por último, merecen ser mencionados polas primeiras ideas sobre a televisión electrónica ao inglés Alan Archibald e o ruso Boris Rosing, que propuxeron sistemas de varrido electrónico da imaxe.