Agora o IPC

  • O comerciante enmascarado

Cando comezabamos a levantar un pouco a cabeza, despois de dous anos de pandemia, e cando todo aparecía como unha volta a normalidade, chegou a sexta ola e tivemos que volver para  atrás; con importantes repercusións sobre todo na campaña de nadal.

De novo asistimos a unha volta a normalidade. Xa non temos a obriga de usar a máscara dentro dos comercios, a xente  parece máis tranquila, a incidencia hospitalaria está xa bastante estable e todo daba mostras de poder traer elementos positivos, e aparece a incontrolable subida da luz e con ela o  incremento da inflación, como non se lembra nos últimos vinte anos.

E con esta perspectiva aparece a inexplicable guerra de Ucraína e de novo crise global e de novo a incerteza sobre os  nosos negocios.

A subida dos prezos, o vencementos dos prazos para devolver os créditos ICO, e toda a paralización nas grandes empresas da nosa cidade (Estalantis, o Naval…) nos enche unha vez máis de medos e incertezas no noso camiñar.

Todos sabemos que na maioría dos nosos pequenos comercios, é moi difícil repercutir o IPC no consumidor, isto non se soportaría e estariamos deixando un baleiro que moi pronto estaría a ser ocupado polas plataformas on line, xa de por si máis baratas.

Outro problema é sen dúbida o dos alugueres, en moitos dos  contratos se estipula a subida anual do IPC, polo que un novo incremento aos noso custes, que tampouco imos poder repercutir. Non hai que esquecer que por mor da crise bélica aínda hai  moitos traballadores en ERTE e que polo tanto non están no momento de incentivar ou incrementar o seu consumo.

Os prezos dos carburantes polas nubes. Outro problema máis que esta a encarecer os pedidos que temos que facer e que tamén inflúe moi negativamente na economía das familias medias que son as potenciais compradoras nos nosos establecementos.

En fin,  gustaríame ser máis positivo nesta columna que mensualmente vos traio, pero a realidade é así de teimosa e non a podemos cambiar.

O único que nos queda é confiar no futuro e seguir loitando coas nosas armas, que deben ser a proximidade, a familiaridade e sobre todo a nosa dedicación cara aos nosos clientes.

Non debemos ocultarlles aos nosos usuarios estas  dificultades, debemos ser transparentes cos nosos problemas para demandar a súa solidariedade, e para que se dean conta que nós traballamos cos límites que nos coloca a realidade  económica, mentres as grandes áreas e as grandes plataformas, xogan noutro nivel e polo tanto se non é coa súa axuda non poderemos seguir atendéndoos próximos a eles e elas.

Nós non  somos Amazón nin as grandes plataformas ou superficies, pero temos unha familia que atender, e temos uns amigos que son os nosos clientes. Cando estás a comprar algo por Internet que  podías comprar no teu comercio máis próximo, estás a restar unha posibilidade real de que alguén que ti coñeces poida superar esta crise.

Mensaxes coma estes son os que temos que repetir unha e outra vez, e son os que temos que demandar nas campañas de promoción do comercio. Temos que converternos en altofalantes da nosa realidade. Non se trata de pedir esmola, non.  Tampouco se trata de mendigar unha compra, non. Trátase de reivindicar o noso papel nesta sociedade e de dignificar o que somos.

Trátase en definitiva de seguir loitando coa cabeza moi  alta, sabedores do que temos que pasar e das loitas diarias que temos que asumir para seguir contribuíndo ao tecido social, cultural e económico dos barrios onde nos emprazamos.