Marabillas de concertos
Os vigueses e viguesas podémonos sentir tremendamente orgullosos e orgullosas do noso emblemático auditorio ao aire libre.
Cando un ten viaxado por outras cidades e puido asistir a un sen fin de concertos en diversos lugares e espazos, dáse conta do que temos na nosa cidade.
Cando un artista sube ao escenario e contempla a visión de 30 ou 40 persoas rodeando esas butacas gregas detrás dos gardiáns das nosas árbores, cando se pon a cantar calquera artista e contempla as estrelas do noso ceo e a lúa que parece estar acompañando un son paralelo á súa música, cando comeza a voz a vibrar, Castrelos se converte en maxia e fantasía.
Castrelos irradia esa calor das notas musicais cando chegan aos nosos oídos. Castrelos desprende sorpresa, desprende alegría e sobre todo arte. A arte dos que actúan, a arte dos que aplauden e acenden os seus chisqueiros ou os seus móbiles, a arte en definitiva daquel entorno que nos convirte aos que vamos en protagonistas do espectáculo máis fondo e eterno que se pode presenciar.
As Tanxugueiras. Algo máis que Eurovisión.
Castrelos se vestiu de música, pero da boa. Ademais luciu as súas mellores galas para mostrarnos a tres mulleres que exceden arte, defensa do noso e sobre todo saber estar enriba dun escenario.
Segundo os medios, máis de 40.000 persoas abarrotaron o auditorio de Castrelos para presenciar sen dúbida un gran concerto.
Aida Tarrio, Sabela Maneiro e a súa irmá Olaia son tres mulleres que nunca defraudan e sempre o deixan todo para contentar ao seu público.
Mensaxes constantes da defensa da nosa cultura e da nosa lingua, construíron a necesaria complicidade para festexar que a liberdade e a ruptura musical poden triunfar cando a calor do público é a única que cualifica.
Non nos podemos queixar este ano do programa que confeccionou o Concello; pensamos que se trata dun programa moi variado de distintas músicas, e así o ten demostrado as grandes afluencias que ata o momento se teñen dado.
Yatra a gran revelación do verán.
Os máis mozos e non tanto, vibraron con Sebastián Yatra, nun Castrelos tamén abarrotado de público. Os que asistiron, destacaron a súa implicación co público, a súa profesionalidade e sobre todo o seu arte tanto nos movementos polo escenario e as súas coidadas coreografías como o seu ritmo e a súa voz.
Este artista estase a converter sen dúbida a grande revelación deste verán en toda España. Destaca ademais a súa simpatía e o seu bo facer co Pop latino, coas baladas ou mesmo co reguetón.
Sting. Abarrote en Castrelos
O que aquí escribe tiña na retina tres grandes concertos, diría que históricos aos que tiven a sorte de asistir.
Un deles o incrible concerto dos Dire Straits no campo de Balaidos alá polo ano 1992. Outro foi o gran concerto, tamén no estadio de da cidade e foi no ano 1998; eran os Rolling Stones. O outro que sempre lembrarei foi en Castrelos. Foi unha noite máxica: era Leonard Cohen alá polo ano 2009.
Despois do sábado 6 de agosto, xa teño un máis na miña lista. O do sábado foi unha auténtica noite de maxia, de forza e de calidade musical sen parangón. Sting soaba como o escoitabamos hai 40 anos.Un pechaba os ollos e parecía que estabamos alí nas festas dos 80, cando tiñamos 18 anos.
E logo está Castrelos, auditorio sen igual, un miraba todo aquelo e parecía estar no ceo. Gran noite, gran espectáculo. Valeu a pena agardar dous anos para ser testemuñas do milagre da música. Este monstro da música de xa 71 anos sorprendeu a todos coa súa forza e coa súa afouteza.
Durante máis de hora e media encheunos de cor, de notas musicais e sobre todo de arte, de moita arte, que empezou con “Message In a Bottle” e rematou case ao final co mítico título de “Roxanne”.