O Calvario irmánase coa freguesía de Alvorge en Portugal
A Asociación Folclórica e Cultural Andarela, xunto coa Asociación de veciños do Calvario e o centro portugués de Vigo, veñen mantendo unha intensa relación coa cultura, a música e a literatura portuguesa.
A raiz dos terribles incendios acaecidos no verán do ano 2017 na zona do distrito de Leiría en Portugal, a Asociación de Veciños, en colaboración co Centro Portugués de Vigo, comezou unha intensa relación cos concellos máis afectados da comarca: Castanheira de Pera, Pedrogrão Grande, Alvaiázere, Figueiro dos Vinhos e Ansião.
Froito desa intensa colaboración inaugurouse no ano 2019, na Freguesía de Alvorge do Concello de Ansião, unha escultura en madeira de oliveira, simbolizando o renacer da vida e en recordo das persoas falecidas neses fatídicos días.
Á inauguración asistiron os alcaldes de todos os concellos da comarca da Beira Litoral. A relación da Asociación de veciños cos concellos afectados na comarca da Beira Litoral non só continuou senón que se intensificou dende entonces.
Froito das distintas reunións cos alcaldes da comarca, decidiron coñecerse máis e mellor e acordaron realizar un irmanamento entre ambas localidades.
Todo o traballo realizado durante o ano 2019 quedou paralizado pola situación sanitaria acaecida en marzo do ano 2020, máis agora que a situación ten mellorado sustancialmente, dende a AV Calvario consideraron que era o momento de plantexarse retomar os proxectos que aparcaran por culpa da pandemia.
O pasado 28 de maio unha representación da AV Calvario, xunto co grupo folclórico Andarela, desprazáronse a Alvorge para participar nas súas festas patronais cunha exhibición do folclore galego.
Está previsto que o próximo día 10 de xuño, no marco da Festa da Alegría, unha delegación de Alvorge visite o noso barrio cunha exhibición de folclore portugués e, na mesma xornada, asinar un documento de irmanamento entre ambas localidades.