O CALVARIO QUE VIVIMOS: Por Miguel Pérez O Calvario e os nosos cines

O CALVARIO QUE VIVIMOS:
Por Miguel Pérez

O Calvario e os nosos cines

Nos meus paseos polo Barrio do Calvario, observando o movemento de persoas, as
fachadas dos edificios, os comercios coa súa actividade, un non pode evitar pensar nos
tempos pasados, naqueles negocios que funcionaban con tanto movemento de xente e
que xa non están, negocios que foron transformándose ó mesmo tempo que a sociedade
ía mudando de costumes e gustos. Paso pola entrada da Rúa Sagunto, noutrora Rúa de
Portugal e descendo por ela ó pe da cafetería Alaska e do, outrora, bar Refugio, ata
chegar o número 19, onde hoxe está Muebles La Peña, e que antes era un bar co mesmo
nome. O recordo é inmediato, aquí estaban os cines do Calvario, o Cine Palermo, e o Cine
Avenida. Unhas salas de cine
que foron construídas alá
polo 1946 e que
desapareceron nos anos 80.
Estes eran un punto de
espallamento que recollía
xente de todos os arredores
do Calvario. Contaban cun
aforo de 200 localidades o
Palermo (ou cine “darriba”) e
400 o Avenida, (ou cine
“dabaixo”) cantidades que se
podían ver incrementadas coa
colocación de cadeiras polos
corredores de acceso da sala.

Co prezo de 2,50 pesetas por entrada podías ver dúas películas en tres pases,
sesión continua, cun breve descanso para “visitar o bar”. Ben é certo que non eran de
moita actualidade, nin moito menos estreas, por iso cando podiamos permitírmonos un
extra iamos a Vigo, coa roupa dos domingos, para asistir a unha das salas dos cines
importantes. Poder entrar nos cines do Calvario un sábado ou domingo supoñía ter sorte
xa que, ou adiantábaste ó seu horario de apertura, ás tres da tarde, ou corrías o risco de
non ter entradas, tendo que esperar a que no segundo pase, quedaran sitios baleiros para

Ubicación dos antigos cines Palermo e Avenida

poder acceder. Pola semana o tipo de público era diferente, xente maior que dispoñía
dese tempo nas tardes para ver unhas películas, xa que nas casas non había a televisión,
mais a maior parte do seu aforo era nas fins de semana que estaba composto por nenos e
nenas de 10 a 16 anos, que asistían sen a necesidade de acompañamento de adultos..
Una vez conseguido o acceso, viña o gran labor de acomodar a toda aquela masa de xente
nos respectivos asentos, que non era cousa doada, se temos en conta o comportamento
dos rapaces e rapazas cando están en grupo. Aquelas persoas, os acomodadores, estaban
preparados para aturar de todo, xa que o traballo non remataba ó comezar a película,
senón que cando se desprazaban pola sala axudados cunha lanterna para buscar asento a
algún atrasado, recibían todo tipo de “adulacións”, sobre todo dos máis mozos
amparándose na escuridade da sala, aínda que ás veces eran descubertos os infractores e
recibían como castigo unha sanción moi grave, a prohibición a perpetuidade do acceso ós
cines. A persoa encargada da proxección da película, tiña que estar atenta ós sons que
chegaban da sala e distinguir cando o pateado sobre o chan de madeira correspondía á
coreografía que o público acompañaba no ataque dos indios, ou que se trataba dunha
parada da película. Así funcionaba durante todo o ano, recordo que ata en semana santa,
que estaba prohibido todo acto lúdico, aínda que hoxe custe crelo, nos cines si se mantiña
a actividade, só que con películas de carácter relixioso, como por exemplo Marcelino Pan
y Vino ou Fray Escoba.

Os meus recordos sobre os cines do Calvario son moitos e téñoos como unha
parte importante da miña xuventude, non digo que foran mellores tempos os de antes
que os de agora, por suposto que non, tan só que un os garda con especial cariño.