O CALVARIO QUE VIVIMOS: Por Miguel Pérez O MEU COLEXIO

O CALVARIO QUE VIVIMOS:

Por Miguel Pérez

O MEU COLEXIO

Hoxe no meu andar pola zona vou camiñando Paseo arriba cara o alto do Seixo, detéñome fronte o camiño do Pombal, si ese que está á marxe entre o taller de camións e Jenaro de la Fuente, que recordos, foi o meu camiño diario para ir á escola, e por onde antes observabamos as ruínas do chalé de Núñez, que fora pasto das lapas e do que a xente comentaba que o seu propietario morrera no incendio… si, ese era, outrora, o camiño para os nenos e nenas que tiñamos que chegar ó colexio do Pombal. Alí entrando polo camiño, flanqueado por unhas fieiras de postes de granito, accediamos ó interior. Non era este o seu acceso principal, senón o que segue sendo na actualidade dende Ramón Nieto, e a súa propia rúa do Pombal, cos seus arboredos plantados polos propios alumnos e alumnas alá polos seus comezos.

É este o Colexio Nacional Mixto Pombal, o meu cole, un edificio construído polo arquitecto vigués, Antonio Cominges, o mesmo que deseñou tantos edificios en Vigo como o Colexio Hogar de San Roque, o Colexio Cluny ou o do Instituto de Santa Irene, converténdose na primeira escola pública graduada de Vigo, alá polo ano 1949. Albergaba unha aula  para parbulario,  tres aulas para primeiro segundo e terceiro de nenos, e outras tres para nenas, xa que o centro era mixto, pero coa finalidade, supoño, de centrar a atención na clase, estabamos en aulas separadas, compartindo logo todas as zonas comúns. Contaba este centro público cun  comedor pensado principalmente para aqueles nenos e nenas que máis o podían necesitar, dándonos ós que non estabamos nesa situación a opción de podelo usar, sendo así, un xeito de socializar entre todo o alumnado. Era unha alegría cada vez que nos tocaba comer no cole, xa que iso supoñía moito tempo libre para poder xogar dende que saíamos da clase ata que voltabamos pola tarde. As persoas que servían a comida eran as compañeiras da clase da terceira que facían o traballo de camareiras, deduzo que voluntariamente. Un servizo de comedor que incluía ofrecernos un vaso de leite na hora do recreo.

Como podía ser de novidoso este centro de ensino que pasamos de escolas unitarias repartidas pola cidade, como a de Don Pepe (o quilómetro) situada nun baixo da rúa Sagunto, e na que a xente cando pasaba pola rúa podía escoitar aos alumnos cantando a táboa de multiplicar, a unha edificación pensada e situada nun entorno  para ser un centro escolar.

Observo no meu andar polo entorno do cole que o edificio foi ampliado unha planta máis, tamén observo que o campo de fútbol pasou a ser unha edificación engadida, mellorando sen dúbida as prestacións das que gozan hoxe o alumnado. Aquel campo de fútbol que tiñamos daquela, e no que aproveitabamos todo tempo libre do que dispoñíamos antes de entrar nas clases, ou nos recreos, para xogar un partidiño de fútbol, ata que soaba o timbre, que non era outra cousa que o Sr. Director, Don Alberto Pego Ferreiro, cando golpeaba as chaves contra as ventás. Aínda resoa na miña memoria aquel toqueteo tan penetrante e que como se dunha alarma se tratara facía que aquel campo de xogo quedara baleiro en poucos momentos.

Observo as ventás do cuarto que dan a fachada lateral, no que un grupo reducido de alumnos aprendíamos mecanografía, si, con dez anos e co pago de unha peseta ó mes, para gastos de cinta das máquinas, podiamos escribir. Alí naquela sala, comezábamos practicando nun cartón coas letras pintadas do teclado a colocación de cada un dos dedos nas respectivas letras, para pasar a escribir diante dunhas máquinas Underwo, e Oliveti, unha frase que obrigaba a usar todas as teclas “Esta frase que contiene el alfabeto español, es juzgada extravagante y kilométrica, díjolo Wenceslao” rematando a aprendizaxe copiando páxinas escritas dun libro.

Xusto enfronte da porta desta sala, estaba a clase da terceira dos nenos, alí estabamos os Pérez,  Barbosa, Suárez, Soutullo, Carballo, e tantos outros pasando bos e malos momentos,  sempre  baixo a atención de D. Alberto, e que grazas ó seu traballo, que como bo profesional do ensino se vinculaba co alumnado, e sobre aquel libro de terceiro grao de Álvarez, aprendiamos as diferentes materias, rematando a semana os venres pola tarde cun enorme encerado, cheo de contas de sumar, restar, multiplicar, dividir, raíz cadrada e quebrados, tendo como premio que o que rematara todo, e ben, podía saír antes de clase. Un mestre que  chegaba a personalizar a aprendizaxe enriquecéndonos como persoas. Recordo que para poder facer o acceso ó bacharelato no Instituto Santa Irene, que era o único que había, separounos ós catro nenos, que optabamos ó exame de ingreso colocándonos nunha mesa ó carón da súa, para facer unha aprendizaxe específica. A súa implicación levábao a  desprazarse ó Instituto de Santa Irene o día do exame de ingreso, para interesarse, persoalmente, polo resultado do exame.

Este que era o meu colexio, o Colexio Público O Pombal do Calvario, segue a facer unha gran labor educativa.