Os nosos valores
O que desde sempre ten caracterizado aos pobos, aos países, as comunidades ou a calquera outro colectivo é a súa capacidade para descubrir as súas propias características, as súas propias potencialidades e traballar a prol delas.
Na historia de calquera movemento revolucionario ou transformador, foron os individuos que tiñan claro estes elementos os que souberon erguerse como líderes deses movementos.
E dicimos isto hoxe, porque desde Somos Calvario sempre temos apostado polas potencialidades e as características propias do noso barrio, que nos debe levar a crear movementos de cambio e revolucións de ideas para avanzar máis aínda nas nosas xustas reivindicacións, e na nosas tan desexadas conquistas.
Ningún estudo ou informe feito desde o papel, nos vai traer as solucións para o noso futuro. Estas solucións teñen que vir dadas polos que coñecen e viven e experimentan o que somos e o que queremos ser.
O Calvario sempre se ten considerado como un barrio traballador, impulsor e loitador coma os que máis.
As cousas foron cambiando, foron evolucionando e hoxe podemos dicir que O Calvario é un barrio mellor, que aínda nos faltan cousas, si, pero co esforzo do comercio, co traballo dos diversos colectivos, co esforzo dos traballadores e traballadoras e coa axuda que nos vai aportando o Concello, estamos conseguindo avanzar.
O diálogo e a convivencia, teñen que ser as nosas bandeiras para conseguirmos os nosos desexos e inquedanzas. Sen dobregarnos; O Calvario nunca o fixo, con firmeza, sempre a tivemos, pero ao mesmo tempo con escoita e con xustiza.
Avanzar no noso comercio, avanzar nas nosas infraestruturas, avanzar na nosa atención sanitaria, no noso ensino, na nosa cultura ou no noso deporte. Avanzar en definitiva na nosa calidade de vida. Avances que deben ser aos que todos os homes e mulleres vivan onde vivan teñen que aspirar.
No comercio, para que os nosos comerciantes reciban o trato e axudas que o seu sacrificio merecen. Un comercio ten que seguir recibindo campañas de apoio como as que nas últimas semanas se fixeron desde o Concello coa colaboración dos comerciantes. Poñendo a disposición dos comercios servizos axeitados as súas necesidades e políticas fiscais de acorde coas situacións económicas de cada momento.
Nas infraestruturas, dotando ao noso barrio de espazos de encontro e de lecer; apostando pola continuidade de procesos de máis espazos peonís e de transformacións urbanas. Continuar coa ampliación dos nosos parques que xa ten iniciado o Concello e que agradecemos. Manter e reformas as nosas beirarrúas así como o asfaltado das zonas interiores. É dicir, seguir aportando as infraestruturas que precisamos e que nos merecemos.
Na nosa atención sanitaria, reclamando máis medios e que os centros de saúde sexan o que eran antes da pandemia, contratando máis facultativos e xestionando mellor os recursos sanitarios.
Avanzar na calidade do noso ensino con máis medios, mais profesorado e mellores instalacións. Apostando polo ensino que temos máis próximo. Temos no noso barrio centros educativos de todos os niveis con grandes profesionais. Temos unhas Anpas que colaboran e realizan diversas actividades para toda a rapazada do noso barrio.
E na nosa cultura e no noso deporte, como actividades que axudan ao desenvolvemento persoal de todos e todas. Demandando un bo mantemento das instalacións e demandando que se sigan descentralizando as actividades organizadas desde o Concello e traendo cultura aos barrios. Para isto ten que seguir sendo importante as xestións que se veñen realizando pola asociación de veciños e do mercado e dos comerciantes, xestións que en moitos casos son atendidas polo consistorio.
Avanzar en definitiva en todo o que supoña unha mellora para o noso barrio, os seus colectivos, a nosa rapazada e o para as mulleres e homes que estamos a configurar unha realidade social, económica e cultural da que temos que sentirnos moi orgullosos e orgullosas.