Programación de setembro na Biblioteca Neira Vilas

Cuarteto Acaí

O xoves 1 de setembro, as 19.30 horas na Biblioteca Neira Vilas, terá lugar a actuación do cuarteto Acaí. O cuarteto Acaí reúne a catro experimentados músicos da escena do jazz galego entorno a  un proxecto ideado para estudar e espallar o repertorio da música brasileira do século XX. A riqueza da música brasileira e a súa proximidade ao mundo do jazz fan deste un proxecto moi  ambicioso e atractivo para os seus compoñentes. Nas súas primeiras grabacións revisaron temas de Toninho Horta, Chico Buarque, e Antonio Carlos Jobin ou Milton Nascemento. A idea é abarcar un período amplo da música brasileira, dende Cartola ata Caetano Veloso, Djavan, Guinga ou Chico Pinheiro. A banda está composta polo cantante e multiinstrumentista Rubén Fernández, o  guitarrista Felipe Villar, o contrabaixista cubano-galego José Manuel Díaz e o percusionista brasileiro-galego Paulo Silva. Os catro músicos son de sobra coñecidos no mundo do jazz galego, e os  catro son apaixoados da música tradicional brasileira. A música deste cuarteto pretende ser moi respetuosa coa música tradicional do Brasil ao mesmo tempo que devota das súas expresións e  sonoridade máis contemporáneas. O concerto que se realiza no xardín posterior á biblioteca é gratuíto ata completar aforo.

Encontro con Xurxo Martínez
(Falemos de Vigo dende as
marxes).

O próximo día 8 de setembro ás 19.30 na Biblioteca Neira Vilas, Xurxo Marínez manterá un encontro cos lectores para falar de “Vigo dende as marxes”. A entrada é libre ata completar aforo, pero  hai que inscribirse previamente na propia biblioteca. O prazo de inscripción abriu o pasado día 17 de agosto. “Falemos de Vigo dende as marxes” é unha guía ilustrada do Vigo rebelde. É un libro  con relatos breves que retratan o rostro máis solidario da cidade. 40 relatos ficcionados a partir de feitos reais que sucederon nas prazas e nas rúas que nós andamos cada día. 40 historias ateigadas de datos do Vigo máis popular, humilde e culto. Xurxo Martínez é un escritor e investigador galego, doutor en filoloxía galega pola Universidade de Vigo e premio extraordinario de tese de doutoramento. Formou parte do Proxecto Sarmiento do Consello da Cultura Galega. Participa en varios grupos de investigación sobre temas relacionados co século XIX galego e, dende o ano 2017, é responsable técnico de normalización lingüística no Concello de Redondela. Xurxo Martínez forma parte, tamén, da directiva da Asociación Internacional de Estudos Galegos.

Club de lectura.

Dende o pasado 15 de agosto está aberto o prazo de inscripción para o club de lectura da Biblioteca Neira Vilas. O club de lectura é un espazo onde un grupo de persoas afeccionadas á lectura  reúnense para comentar e valorar un libro proporcionado pola biblioteca. O club está concebido para todas aquelas persoas con inquedanzas culturais,ganas de ler e intercambiar ideas e opinións.