Soños de vida

O comerciante enmascarado

Vin ao meu redor moitas cousas xuntas, moitos produtos que pouca a pouco se ían perdendo no tempo. Vin facianas cheas de ilusión e que ían pasando por diante de min, pero con tristura e sen apenas dicirme nada.

Pode parecer isto o comezo dunha historia irreal ou dun canto de pesimismo e sen ganas de sermos positivos. Pero non, este pequeno parágrafo podía ser perfectamente o comezo dun pequeno diario do que o ser de comerciante nos vai deixando día a día.

Levo andando miles de camiños, levo atravesado miles de fronteiras co único afán de conseguir ver a luz. Unha luz que me guiara ata o éxito. Unha luz que me indi- cara o mellor percorrido para poder manter a miña ilusión e as miñas ganas por continuar.

Ata estudei en libros e ata me apuntei a diversos cursos diso que chaman marketing ou técnicas de comunicación. Ata fun camiñando día a día por todo o que me acontecía co fin de atopar solucións.
De todas estas andainas e de todas estas historias íame quedando con algunhas ensinanzas. Pero cando volvía ao sitio de sempre, ao mostrador de sempre á rutina de sempre, todo quedaba esquecido como se dunha pantasma que non existiu se tratase.

Todos eran a aconsellarme sobre o que tiña que facer. As autoridades ofertaban axudas e mesmo incentivos no caso de que tivésemos que pechar. (Que grande contrasentido, pagarnos por non producir, cando o lóxico era que premiaran a nosa produción). A pesares de todo isto, seguía coa intención de buscar novas rutas e de explorar novos camiños. Estaba seguro, porque así de optimista son, que un día calquera ían a desfilar diante de min esas solucións e esas pautas que andaba a procurar.
Ollaba e ollaba aquelo co que me ía cruzando, e nada aparecía. Miraba e miraba en todos os sitios que me indicaban e nada acontecía. Mesmo cheguei a pensar que estaba buscando mal, que a liña a seguir seguro que se agochaba diante de min e que non era quen de sacala ao exterior.

Comentando todo isto coa miña filla, que moitas ve- ces me ten axudado no meu pequeno comercio, un día me dixo:
—-Papá por que non te preguntas a ti mesmo e buscas as solucións en ti e en nada máis?
—-Xa e como se fai iso?—contestei.
Ao final non seguimos falando, pero esas verbas me chegaron. Non sería que estaba a buscar por fóra o que estaba tan cerca de min que non era capaz de ollalo?
Ao día seguinte desde que levantei a persiana, decidín comezar a ver todo o que me rodeaba. Os meus andeis, as ventás do interior, as caixas que adornaban no escaparate…
Estaba pensando en todo isto, cando entrou unha clienta, era unha das habituais, unha muller duns cincuenta anos que levaba anos e anos comprando. Saudeille coma sempre, e dinme conta de que viña máis contenta que de costume.
Era unha conversa como nunca a tivera con ela, porque daba gusto falar, mesmo me comprou máis que de costume; Cando me foi pagar non puiden conterme e pregunteille:
—-Estás moi contenta hoxe?
—-Claro despois de quince días na cama por fin estou ben e podo saír.
—-Caro, claro, que ben.

Efectivamente levaba máis de dúas semanas sen vir pola tenda. E agora chegaba contenta, cunha ledicia que contaxiaba, e cunhas ganas de falar que mesmo irradiaba ilusión.

Eu non lle preguntei por que non viñera desde hai tempo. So lle dixen que hoxe estaba moi contenta.
Aquela mañá, xa o tiven claro. No que teño diante. Nos que día a día viven comigo e me fan compañía. Nos que veñen a comprar moitas veces só por falar ou por estar. Aí, aí tiña a solución. Aí era o que a miña filla me dicía, que buscara as solucións en min.

A nosa vida de comerciantes, xa de por si dura, sería moito mellor se miraramos aos ollos dos que día a día nos visitan e fósemos quen de buscar neles as solucións ao noso futuro.