Volven as xornadas de envellecemento activo

Estes programas de formación perseguen crear puntos de encontro e facer do envellecemento unha experiencia positiva, mellorando as condicións de vida das persoas maiores e previndo a aparición de déficits propios da idade

A asociación de veciños do Calvario acaba de facer pública a programación das II xornadas de envellecemento activo.

A primeira edición destas xornadas celebrouse no ano 2019 con gran éxito de público e coa intención de repetir a experiencia. A chegada da crise sanitaria fixo imposible continuar pero, pasado o peor desta pandemia, volven con forza.

Esta segunda edición, que volve a ser coordinada polo Dr Andrés Vázquez, está orientada á prevención e constará de catro charlas a cargo de especialistas no eido da xerontolo- xía e o cuidado dos maiores. As charlas realizaranse o último xoves de cada mes, entre marzo e xuño, ás 19 horas, no centro sociocomunitario do Calvario, rúa Numancia número 3.

A primeira charla, que se celebra o xoves 31 de marzo, leva por título “Prevención de enfermidades infecciosas, vacinas e medidas físicas” e estará impartida polo doutor Andrés Vázquez, médico xerontólogo clínico, e polo doutor Javier Pérez Martín, médico xeriatra e coordinador médico do centro de atención a persoas con dependencia, VIGO-2, da Consellería de política social da Xunta de Galicia.
A segunda charla, 28 de abril, leva por título “Prevención de enfermidades metabólicas, hipertensión, diabetes e obesidade” e correrá a cargo do doutor Andrés Vázquez, médico xerontólogo clínico.
A terceira das charlas, a celebrar o xoves 26 de maio, leva por título “Protección da demencia e trastornos cognitivos” e será impartida por Don Juán Carlos Rodríguez, presidente da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhaimer, AFAGA.

A cuarta e última das charlas destas segundas xornadas de envellecemento activo terá lugar o xoves 30 de xuño levando por título “Prevención de problemas emocionais e sociais, soidade e illamento” e será impartida por Dna Mª Jesús Lago Vilaboa, traballadora social do servicio de psiquiatría do SERGAS.
Este ciclo de charlas rematará cunha pequeña verbena para os maiores na que se pretende que pasen un rato divertido e que podan profundizar na socialización entre eles.